Olimpíadas rurais en Meira


'Eme de Meira' celebra este ano o festival de verán Expresións Espontáneas 5.0 cun evento deportivo rural o sábado 28 de xullo. Pola noite actuarán o grupo de rock meirego PanZ, o grupo de Muros, Terbutalina, e os composteláns Labregos do Tempo dos Sputniks.
Asociación Eme de Meira
photo_camera Directiva da Asociación Eme de Meira

A Asociación Cultural Eme de Meira organizará, por quinto ano consecutivo, un festival de verán en Meira. O evento en cuestión denomínase Expresións Espontáneas 5.0 e este ano ten ao deporte como protagonista. A idea é pór en valor a través de actividades culturais o patrimonio material e inmaterial de Meira e a cultura galega. Ao longo destes 4 anos anteriores pasaron polo festival grupos musicais de folk, hiphop, electrónica, rock, mais tamén artístas de pintura, escultura, grafitti, etc. Para este ano teñen preparadas unhas olimpíadas rurais que se desenvolverán no parque de Meira desde as 16:30 horas. Coa colaboración da Asociación de recuperación de xogos tradicionais Xotramu haberá un conxunto de actividades pensadas para todos os públicos articuladas, como este é ano olímpico, ao redor das olimpíadas rurais baixo o xogo de palabras de CoolMeira (alusivo á denominación que a forcada, forquita ou galleta ten na zona).

As probas consistirán en empuxar o rolo de herba, carreira de leiteiras, tiro de corda e lanzamento de colmeira 

Probas e música
As probas practicaranse de xeito libre, simplemente inscribíndose antes do comezo, e serán: empuxar o rolo de herba, carreira de leiteiras, tiro de corda e lanzamento de colmeira (estas puntuábeis para as olimpíadas) máis billarda e bolos que serán competicións independentes. @s gañador@s e primeir@s clasificad@s das Olimpíadas Rurais recibirán trofeos e premios (produtos locais e artesanais) ademais de vales para adquirir comida e bebida para a cea.

Pola noite, a partir das 23 horas, pechará a xornada un concerto coa partcipación chairega de PanZ, Terbutalina e Labregos do Tempo dos Sputniks.

Comentarios