O Obradoiro pode fechar esta cuarta feira a permanencia na ACB

Necesita gañar Baskonia e que perda o Betis
O primeiro derbi entre Monbus Obradoiro e Leite Río Breogán está previsto o 23 de decembro. (Foto: CAB Obradoiro).
photo_camera A escuadra capitalina quere festexar a salvación en Gasteiz. (Foto: CAB Obradoiro).

O Monbus Obradoiro viaxou onte á localidade vasca de Gasteiz para enfrontarse na tarde de hoxe (19 horas) a Cazoo Baskonia con só un obxectivo na mente: fechar a permanencia na ACB nun encontro que abre a xornada 28 da máxima categoría do baloncesto estatal.

Para conseguilo terá que agardar a que o Betis -penúltimo- perda mañá na casa contra Carpus Fuenlabrada -último clasificado- e volver cun triunfo do Fernando Buesa.

Será esta última unha misión case imposíbel, pois, como destacou o preparador galego, Moncho Fernández, os locais non son unicamente colíderes da competición con 22 vitorias en 27 encontros, senón que tamén son "o mellor ataque da Liga e o segundo da Euroliga".

"Ofensivamente é, sen dúbida, un equipo fantástico, non só pola súa capacidade de anotación, senón polas súas posibilidades de facelo desde as asistencias, xa que moven moi ben o balón entre eles, lendo moi ben as vantaxes e transformándoas en canastras, apostilou.

A maiores, Moncho Fernández afirmou: "Todos os seus  xogadores son perigosísimos. Cando es o mellor ofensivamente a estas alturas de Liga, e o segundo mellor tras Olympiacos na Euroliga, é porque non reduces todo a un só home, e aínda que todo o mundo pensa en Howard e a súa incríbel capacidade para anotar, ninguén debe esquecerse do resto dos seus compañeiros, pois varios deles están no 'Top-10' de asistencias, o que demostra o tipo de equipo que son".

Alén do eido ofensivo, Moncho Fernández tamén gabou unha defensa que no caso de Baskonia "adoita parecer que non é tan boa, por destacar tan excepcionalmente no ataque", pero quixo deixar claro que os de Vitoria "tamén son moi bos defensivamente, especialmente no rebote defensivo e no 1x1".

No referente aos seus homes, o técnico compostelán continuará sen poder contar cos mancados Dragan Bender (pivote) e Marcus Paige (escolta). Non obstante, mostrouse optimista ante a posibilidade de que poida ter minutos outro xogador que viña arrastrando molestias, concretamente no xemelgo da súa perna dereita, o ala Edgar Bizedo.

"Edgar continúa con esas molestias que xa lle enfastiaran a semana pasada, pero cremos que vai poder participar", preveu Fernández sobre un home que o sábado xa forzou para poder xogar 15 minutos ante Unicaja.

Comentarios