O Depor apaña en Mallorca os 3 pontos e xa está a só 4 da salvación

Boas noticias. O Deportivo está vivo. É mellor que iso: o Deportivo redescubriu o fútebol, o passing game, a posesión da bóla. Que nin a vexa o contrario. Fernando é fiel ao seu estilo. Até cando se pasea polo gume da navalla. Vitoria importantísima en Son Moix (2-3), a primeira fóra de casa en todo o campionato. A equipa está agora a 4 pontos da liña de salvación.

Depor-Mallorca
photo_camera Depor-Mallorca

En fútebol o pior que che pode pasar é non saber a que xogas. O Deportivo, con Fernando Vázquez ao leme, xa sabe a que xoga. A que a pelota a teñan os mellores futbolistas. A que non a guinden caprichosamente. A que se asocien. A que a movan. Passing game. Ese é o estilo. Futebol combinativo. Posse da bóla. Que corran os contrarios. A pelota nunca se cansa. 

Juan Domínguez está no campo. Valerón está no campo. Riki está feito un rapaz. Manuel Pablo volta a crer en si mesmo. Abel Aguilar fai todos os quilómetros do mundo. Pizzi deita destellos. Aythami colle confianza. Silvio até golea...

O resultado é moi enganoso. O normal tería sido un 1-4, mas o Deportivo nunca foi un killer, nunca, nen sequer nas épocas douradas, foi unha equipa exterminadora

Alén das individualidades, o Deportivo foi unha equipa de futebol en Son Moix. O resultado é moi enganoso. O normal tería sido un 1-4, mas o Deportivo nunca foi un killer, nen sequer nas épocas douradas foi unha equipa exterminadora.

Co 1-3 no taboleiro de marcas (1-0, m . 18: Víctor; 1-1, m. 25: Silvio; 1-2, m. 48: Marchena; 1-3, m. 60: Riki), e logo de o Mallorca non pór a proba nen unha soa vez a Aranzubia na segunda metade, o 2-3 asinado por Nsue a apenas 4 minutos do final tensionou o combo coruñés, que por vez primeira no partido comezou a deixar de ser el propio. Mas a escadra de Goyo Manzano non ten o que si tivo e ten este Deportivo, fútebol, xogo, e o partido morreu aí, cunha importantísima vitoria para a equipa de Fernando.

Haxa o que houver, pasar o que pasar no que fica de campionato (9 xogos por diante), hai un estilo, hai un xogo, hai unha idea. Este 2-3 é a segunda das 8 vitorias en que Fernando cifrou a salvación cando apañou a equipa. Talvez agora con 5 máis sexan abondo.

Comentarios