O Lugo presenta Jozabed e Jean-Louis Johaneko

Proceden do Málaga e o Girondins francés
Johaneko (á esquerda), con Jozabed, posando coa albivermella. (Foto: CD Lugo).
photo_camera Johaneko (á esquerda), con Jozabed, posando coa albivermella. (Foto: CD Lugo).

O Club Deportivo Lugo levou a cabo na xornada de onte a presentación oficial do mediocentro andaluz Jozabed e do lateral dereito francés Jean-Louis Johaneko como novos futbolistas albivermellos.

Ambos, tras non chegar a tempo para participar nos dous primeiros partidos de campionato, poderían debutar o próximo domingo contra o Fuenlabrada.

Jozabed Sánchez é un vello coñecido da afección galega, pois militou tres tempadas (entre 2016 e 2019) no Celta, onde exerceu un rol de xogador de rotación. Despois de abandonar Vigo, e tras un fugaz paso polo Xirona, atopou confianza e estabilidade en Málaga, cidade que deixou este verán tras contar con moi pouca participación nun conxunto que descendeu á Primeira RFEF.

O veterano centrocampista de 32, nado en Mairena del Alcor,  apostou por regresar á terceira categoría despois dunha década na fútbol profesional por ser "un bo sitio" no que "gozar" e sentirse "importante". 

Pola súa parte, Johaneko é unha promesa que chega a Lugo para "medrar como futbolista". Formado nas categorías inferiores do Girondins de Burdeos, onde alcanzou a internacionalidade en categorías inferiores e mesmo debutou co primeiro equipo, ten a capacidade de actuar nos dous carrís da defensa, unha característica pouco habitual que no pasado levantou o interese de clubs do nivel do Athletic de Bilbao.

Na cidade da Muralla aspira a "competir ao máximo nivel" nun conxunto que definiu como "top da división" coa meta de "facer cousas importantes na Primeira Federación".

Xornada case perfecta para os equipos galegos

Curiosamente o Lugo foi o único que perdeu o seu partido -e ante outro equipo do país, o Deportivo, por cero goles a tres- nunha xornada futbolística polo restante moi positiva para os intereses dos conxuntos galegos nas tres principais categorías a nivel estatal.

En Primeira División, o Celta obtivo o seu primeiro triunfo grazas a un gol case sobre a bucina de Swedberg no '87 (2-3 sobre o Almería). Na categoría de prata, o Rácing viviu a historia oposta, pois o Alcorcón empatoulle no '94 (1-1). E na Primeira RFEF, alén dese Lugo-Dépor, venceron tanto Celta Fortuna (1-0 ao Tarazona) como Arenteiro (3-0 ante o Logroñés).

Comentarios