O Gran Premio Cantóns trae á Galiza a mellor marcha mundial

Unha das probas atléticas máis senlleiras e importantes que teñen lugar ano tras ano na Galiza é o Gran Premio Cantóns de Marcha da Coruña. A case 40 anos vista da súa primeira edición, a súa proximidade aos Xogos Olímpicos de París garante a presenza na cidade herculina dos e das mellores do planeta.
Pola Coruña pasaron os e as mellores marchadoras do planeta. (Foto: GP Cantóns A Coruña).
photo_camera Pola Coruña pasaron os e as mellores marchadoras do planeta. (Foto: GP Cantóns A Coruña).

O Gran Premio Cantóns de Marcha Atlética alcanza o sábado, 18 de maio, a súa trixésimo oitava edición. Na cita herculina, recentemente recoñecida pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA) cun galardón que distinguiu a calidade da súa organización -sumándose así a outros anteriores como a distinción por parte da World Athletics como 'Patrimonio Mundial do Atletismo-, escoitarán o disparo de saída, previsto ás 17 horas, a meirande parte dos 200 mellores marchadores e marchadoras do planeta.

Estas deberán completar un percorrido que, permanecendo fiel á zona que lle dá o seu nome, decorrerá polos Cantóns, seguindo un circuíto circular. Unha cantidade considerábel dos e das mesmas xa está clasificada para os inminentes Xogos Olímpicos de París, non obstante, outros e outras terán na carreira galega a súa derradeira oportunidade de obter o seu boleto parisino.

En total, está prevista a participación de atletas de 25 nacionalidades diferentes na categoría feminina e de 22 na masculina, ademais doutras nove extra na categoría de 10 quilómetros.

Máis concretamente, e no referente ás mulleres, confirmaron xa a súa asistencia sete medallistas mundiais, entre as que destaca a presenza da dúas veces campioa no Mundial de Budapest 2023, a marchadora andaluza María Pérez, quen reaparece despois da súa inoportuna lesión no sacro a finais do ano pasado coa mente e a vista posta en París '24.

A sempre potente expedición chinesa estará encabezada pola bronce olímpico en Toquio 2020, Liu Hong, e completarana Shijie Quieyang -bronce mundialista en Oregón '22- e Zhenxia Ma, gañadora desa proba en 2018 e 2022. 

Pola súa parte, outros nomes destacados serán os da dúas veces ouro mundial e gañadora do Gran Premio Cantóns 2023,  a peruana Kimberly García León, e os das representantes da Galiza, Aldara Meilán e Antía Chamosa, optando esta última a unha das prazas olímpicas que fican por repartir.

Unha historia que comezou no ano 1987 e que continúa na actualidade

O Gran Premio Cantóns de marcha naceu en 1987 impulsado polo entón presidente da Federación Galega de Atletismo, Sergio Vázquez, falecido en 2022. Tras contar no seu debut coa presenza de catro medallistas olímpicos e seis medallistas e un campión europeo, a súa popularidade foi medrando até converterse, hoxe en día, nunha das probas referentes do circuíto mundial, como demostra o feito de que desde a creación do programa Race Walking Challenge a herculina foi a única cidade presente en todas as edicións disputadas.

Neste tempo, pasaron pola Coruña marchadores e marchadoras dos cinco continentes en representación de 71 países distintos -algúns xa desaparecidos-, alcanzando a distinción Golden Level, que a acredita dentro do  dentro do panorama internacional como carreira do máximo nivel.

Máis en DEPORTES
Comentarios