O lucense Emevé completa o vestiario coa fichaxe de Dexter Edwards

O xogador catalán procede do Sant Pere i Sant Pau.
Dexter Edwards (Foto: Nos Diario).
photo_camera Dexter Edwards (Foto: Nos Diario).

O Arenal Emevé xa ten perfilado o seu equipo para a tempada 2023-24 coa incorporación dun dos xogadores colocadores que máis prometen no voleibol estatal: o catalán Dexter Edwards. Para José Valle, incorporado o ano pasado como adestrador do masculino tras once tempadas á fronte do equipo feminino, a nova fichaxe ten "unhas condicións físicas moi boas, achega moitísimo na liña de bloqueo, saca ben e é capaz de defender a pesar do seu tamaño". 

O xogador catalán, formado na canteira de Sant Pere i Sant Pau, chega a Lugo procedente de Pamesa Teruel onde o ano pasado logrou o subcampionato na Copa do Rei.

Edwards reencontrarase no vestiario dos Loitadores con Nahuel Ossola, co que compartiu equipo no Get Blume e no Sant Pere e Sant Pau. O novo cerebro de Arenal Emevé tamén pasou pola Concentración Permanente da Selección Española en Palencia, na que estivo dúas tempadas.

O mozo xogador catalán terá en Lugo a oportunidade de seguir evolucionando xa que, tal e como indica o que será o seu adestrador, “necesita xogar e verse manexando un equipo. É moi novo e chegar a render ben na súa posición ten a súa complexidade porque tes que levar todo o peso do xogo do equipo”.

Valle resalta que Edwards “vén con moitas ganas de traballar e é moi disciplinado. O ano pasado, en Teruel,  aproveitou os minutos que tivo para demostrar que pode estar aí”.

Equipo definitivo

Coa chegada de Edwards queda configurado o equipo definitivo do Arenal para esta tempada que estará formado por Víctor Bouza, Max Schulz, Nahuel Osola, Luca Biliato, José Luis Koko Linares, Pablo Villar,  Dexter Edwards, Luiz Henrique Sopschuk, Aurelio Rodríguez, Juanfran Frías, Samuel Barrasa e Miguel Paradela

Comentarios