Xustiza

Investigado en Ourense un xogador de baloncesto acusado de violación

Josep Pérez Tomás está acusado de agredir sexualmente unha moza en Ourense cando visitou a cidade co seu equipo de entón, o MoraBanc Andorra, para enfrontarse ao COB.
Josep Pérez Tomás, nun partido co Almansa de Albacete. (Foto: CB Almansa)
photo_camera Josep Pérez Tomás, nun partido co Almansa de Albacete. (Foto: CB Almansa)

O xulgado de Instrución número 2 de Ourense vén de abrir dilixencias de investigación en relación a unha denuncia interposta por un presunto caso de violación contra un xogador de baloncesto, Josep Pérez Tomás, uns feitos que se remontan a xaneiro deste mesmo ano.

En concreto, fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmaron que se abriron as dilixencias o pasado 27 de abril, malia que a denuncia foi presentada o pasado 15 de febreiro en sede policial.

O xulgado tomou esta decisión após recibir o atestado cunha denuncia por agresión sexual presentada por unha moza da cidade, uns feitos que terían ocorrido no mes de xaneiro, no que o equipo no que militaba entón o denunciado, o Morabanc Andorra, viaxou até Ourense para xogar un partido contra o COB.

Pérez Tomás, a quen polo de agora non se lle tomou declaración en sede xudicial, está a ser investigado por un delito de agresión sexual, apuntan fontes do TSXG. En marzo asinou con L'Horta Godella, filial do València Basket da ACB, que se desmarca dos feitos afirmando que foi coñecedor "agora" do sucedido.

"O clube condena todo tipo de violencia e, descoñecendo os feitos, reafirma a súa confianza na xustiza para que analice a situación e tome as decisións pertinentes", sinalou o equipo valenciano, a través dun comunicado.

Esta mesma segunda feira, o ex clube do xogador de baloncesto acusado destes feitos, o MoraBanc Andorra, tamén emitiu un comunicado nas súas redes sociais no que aclaraba que descoñecía o caso e que "nunca" se lle informara sobre a denuncia. Aliás, a entidade púxose a disposición da xustiza, condenou "sen fisuras" a violencia machista e explicitou todo o seu apoio á denunciante.

O acusado tamén realizou na mañá desta terza feira unha publicación nas súas redes sociais nas que expresa a súa "confianza" na xustiza: "Son consciente do que se está dicindo de min. Pido máximo respecto á presunción de inocencia e confío plenamente na xustiza", apunta.

Comentarios