Federación Galega de Tríatlon

Javier Campos: "O único evento comparábel ás Series Mundiais de Pontevedra son os Xogos Olímpicos"

O tríatlon é unha das disciplinas que máis alegrías depararon á afección do país nos últimos anos. Desde o pasado mes de outubro o novo responsábel da Federación Galega da modalidade é o naronés Javier Campos, sucesor no cargo de Gonzalo Triunfo e terceira persoa á fronte do ente nos últimos catro anos.
Campos (dereita), co seu predecesor no cargo, Gonzalo Triunfo. (Foto: Fegatri).
photo_camera Campos (dereita), co seu predecesor no cargo, Gonzalo Triunfo. (Foto: Fegatri)

—Javier Campos vén de suceder o pasado mes de outubro Gonzalo Triunfo como novo presidente da Federación Galega de Triatlon (Fegatri). Vostede é un home que estaba exercendo de adestrador no Náutico de Narón e que leva no mundiño desta modalidade desde 2008. Que o motivou a emprender esta aventura?
O certo é que chegou a oportunidade de presentarme a presidente e acepteina non por que houbera nada que estivera mal feito na Federación, senón porque simplemente decidín representar o tríatlon galego cos apoios de moita xente que me avalou.

—É vostede o terceiro presidente da Fegatri nos últimos catro anos, algo non moi habitual nuns cargos, o de presidente de federación deportiva, onde a tendencia é a contraria, perpetuarse no poder. Sinónimo de inestabilidade ou, polo contrario, de normalidade democrática?
Non me quero meter moito nas cousas que pasaron antes de que chegara eu. Só direi que o anterior presidente, Gonzalo Triunfo, fixo un moi bo traballo ao longo dos catro anos nos que estivo á fronte da Federación, e máis tendo en conta que tivo que pelexar coa pandemia. E grazas a el e a toda a directiva o tríatlon puido seguir desenvolvendo probas con todas as medidas de seguridade necesarias que esixía a Covid. De aí para atrás, xa non podo falar, porque non estaba tan metido nos temas da Federación.

—Durante o seu mandato terá lugar a cita máis importante en territorio galego de todos os tempos, as Series Mundiais en Pontevedra de 2023. Que vai significar para o tríatlon da Galiza?
Son as Series Mundiais, pero non unha calquera, senón a gran final, é dicir, estamos falando do máximo evento de tríatlon a nivel mundial. Este ano vén de facerse hai apenas un mes en Abu Dhabi e agora, este próximo mes de setembro de 2023, será en Pontevedra. Non se pode aspirar a nada máis, o único comparábel son os Xogos Olímpicos. O certame vainos esixir moito traballo e tempo na súa organización, mais agardo que pague a pena para poder ofrecer ao resto do mundo a mellor carreira posíbel, ademais porque fóra do eido estritamente deportivo terá un gran impacto económico. Historicamente todas as probas que se fan en Pontevedra teñen unha afluencia de xente impresionante. A cidade féchase para poder facelas, xa sexa o Campionato de Europa, do Mundo ou do que sexa. A Pontevedra chegará xente de todo o planeta que aparte da carreira en si fará turismo, tendo en conta ademais que, sen poder cuantificalo aínda, o certame implica que veñan dúas semanas antes todos os triatletas cos seus equipos adestrando aquí, con todo o que iso implica. 

—Con datos de 2019, a Galiza era o quinto territorio do Estado en número de persoas federadas, con 2.385, por detrás de Catalunya (3.617), Valencia (3.618), Andalucía (4.382) e Madrid (5219). Coñece como variaron eses datos até o día de hoxe? Víronse moi afectados pola pandemia?
Por culpa da pandemia, e loxicamente, en 2020 baixou o número de persoas federadas, pero curiosamente no 2021 aumentou, pero en todas partes, porque foi como unha moda, a xente botouse a facer deporte e agora parece que a cousa se regula un pouquiño. Actualmente   seguimos no 'Top-5' en número de federadas, e aínda que si que é certo que en número de licenzas non podemos competir con territorios como Valencia, Madrid ou Catalunya, a nivel deportivo somos os primeiros ou os segundos.

A alongada sombra de Javier Gómez Noya

A Galiza contou con figuras de enorme relevancia no tríatlon. Aí están os Pilar Hidalgo, Antón Ruanova, Pablo Dapena ou Susana Rodríguez, pero o primeiro que vén á cabeza sempre é Javier Gómez Noya, que dixo adeus á distancia olímpica logo de Toquio 2020. Porén, Javier Campos defende que "hai vida despois do mellor triatleta de todos os tempos".

"No esprinte, Antonio Serrat é cuarto na clasificación olímpica para París 2024, e no feminino Sara Guerrero e Natalia Castro están tamén moi ben posicionadas para estar nos Xogos", engade un presidente da Federación Galega que, cuestionado sobre por que varios dos nomes máis importantes do panorama teñen sinalado que o éxito dos e das triatletas galegas responde máis a unha cuestión casual ou circunstancial que a un apoio real desde os poderes públicos, responde que desenvolverán "un seguimento desde curtas idades".

Comentarios