Guerra no Club Deportivo Lugo

Como fichas de dominó, á destitución de Fran Justo seguiulle a marcha do director deportivo Carlos Pita e, o que é peor, do gran goleador do conxunto albivermello, Chris Ramos, o que acabou por provocar unha sublevación dos e das afeccionadas, fartas da xestión do presidente Tino Saqués. Este é o complexo panorama que se atopará Joan Carrillo, confirmado onte como novo adestrador.
 
Joan Carrillo dirixiu na xornada de onte o seu primeiro adestramento como técnico albivermello. (Foto: CD Lugo).
photo_camera Joan Carrillo dirixiu na xornada de onte o seu primeiro adestramento como técnico albivermello. (Foto: CD Lugo).

O Lugo é un polvorín. E non, non estamos falando do seu filial, que leva ese nome, senón do primeiro equipo albivermello. Se a situación xa parecía desesperada despois dunha nova derrota a pasada fin de semana -a cuarta consecutiva-, que deixaba a escuadra da Cidade da Muralla a cinco puntos dos postos da salvación, o último día do mercado acabou por explotar como unha bomba instalada estratexicamente na liña de flotación do único representante da Galiza na Segunda División.

Todo comezou coa destitución de Fran Justo logo de caer o domingo co Albacete. Inmediatamente despois, o director deportivo, Carlos Pita, dixo basta e presentou a súa dimisión, aínda que onte na súa rolda de prensa de despedida afirmara que a súa decisión estaba "tomada anteriormente" e que "non tiña nada que ver" co cese do anterior inquilino do banco albivermello. 

O ex capitán do Lugo aclarou que, na súa opinión, na súa área de actuación había "diferencias de criterios e ideas do que ten que ser o seu funcionamento do día a día", polo que optou por dar "un paso a un lado" co obxectivo de que "todo o mundo vaia a unha". 

Pero a marcha que realmente promete afectar realmente ás súas aspiracións de permanencia é a de Chris Ramos, autor de sete dos 19 goles lucenses no campionato ligueiro. A situación económica, moi complicada -como evidencia o feito de que é o equipo con menor limite salarial da Segunda División- foi determinante, xa que se viu obrigado a aceptar os dous millóns de euros que ofrecía o Cádiz por incorporar o dianteiro.

Este tamén presionou para saír, pois alén da oportunidade de xogar na máxima categoría, o Cádiz ten para el valor sentimental, xa que é o equipo da súa cidade, manifestando despois da confirmación oficial que defender as súas cores era o "soño" da súa vida.

Os tempos e a economía impediron atopar un substituto que tratase de encher o enorme oco deixado polo gaditano, sendo a única fichaxe no día de feche do mercado un lateral esquerdo, Andoni López. Procedente do Tenerife -en calidade de cedido- este vasco de 27 anos conta cunha ampla experiencia na Segunda e a Segunda B en clubs como o filial do Athletic de Bilbao, Almería, Elxe, Logroñés ou Amorebieta, aínda que ultimamente non estaba tendo moitas oportunidades, disputando tan só 67 minutos no que vai de liga.

Carrillo, misión imposíbel?

A outra novidade do feche de mercado no Lugo é Joan Carrillo, que afronta o maior reto da súa carreira deportiva.

A súa escolla como técnico lucense espertou moitas suspicacias, pois hai oito anos que non dirixe na competición española, un tempo no que traballou en campionatos tan exóticos como o húngaro (Debreceni, Fehérvár), o chipriota (AEK Larnaca), o polaco (Wisla Cracovia), ou o croata (Hajduk Split).

A afección explota

Este funesto panorama levou á afección a mobilizarse, e cada vez son máis as agrupacións de peñas que secundarán unha concentración contra o presidente Saqués o próximo 5 de febreiro diante do Ángel Carro. Ademais, piden que o campo quede baleiro até o minuto 12 "por dignidade, sentimento e orgullo".

Comentarios