PREVIA ALMERÍA-CELTA

Gañar, vital para evitar o "desasosego"

O Celta repite partido na noite da sexta feira, nesta ocasión ante o Almería no Estadio Xogos do Mediterráneo ás 22 horas cun único obxectivo nas maletas: volver cos tres puntos.
 
Tasos Douvikas é a gran novidade na listaxe elaborada por Rafa Benítez. O grego podería ser a solución á falta de gol dos celestes. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Tasos Douvikas é a gran novidade na listaxe elaborada por Rafa Benítez. O grego podería ser a solución á falta de gol dos celestes. (Foto: Nós Diario).

O oficio do xornalista deportivo ten moitos puntos en común co de contacontos. Ambos buscan entreter, algúns incluso con vontade didáctica, e todos recorren á hipérbole e á esaxeración para sobredimensionar a relevancia da súa historia.

Por iso resulta tan vital, cando se fala dun partido correspondente á cuarta xornada de Liga como é este Almería-Celta, caer en dramatismos innecesarios. Mais o propio Rafa Benítez considera que unha hipotética derrota que prolongue a estadía do equipo nos postos de descenso provocaría un lóxico "desasosego", e máis tendo en conta que este é o último encontro antes dunha parada competitiva de dúas semanas imposta polos compromisos das seleccións nacionais.

Cun punto logo de dous partidos perdidos e un empatado, a escuadra olívica deixa atrás un calendario complicado no que colisionou con equipos teoricamente superiores para enfrontarse a un da "súa" liga -se na tempada do Centenario esa é nada máis que a de evitar o descenso de categoría e non outra máis ambiciosa como a de aspirar a non pasar apuros ou incluso a de entrar en Europa -como é a Unión Deportiva Almería

Empatada a un punto co Celta no penúltimo posto da táboa, ten en común co seu rival ser un bloque aínda en construción con novo adestrador (Vicente Moreno) e moitos problemas de cara a portería contraria, pois leva tan só dous goles a favor, por un único tanto materializado polo equipo galego.

A cuestión goleadora podería ter a resposta coa fichaxe do máximo goleador da Liga Holandesa, a Eredivisie, Tasos Douvikas. Benítez incluíu o grego na súa primeira convocatoria, salientando del tanto a súa "ilusión" como a capacidade que polo seu estilo terá para combinarse coas outras alternativas do ataque celeste, Larsen e Iago Aspas.

Con todo, non apunta a unha titularidade que podería recaer en Iván Villar; Mingueza, Aidoo, Starfelt, Unai e Manu Sánchez en defensa; Fran Beltrán, Hugo Sotelo, Bamba e Luca no medio; con Larsen na punta de ataque.

Comentarios