Galiza, no cume do xadrez estatal

Os xadrecistas galegos acadaron un grande éxito no campionato estatal sub 16 desenvolvido na localidade granadina de Salobreña. Os resultados confirman o potencial do xadrez galego.

Xadrez
photo_camera Diego Cacheiro Blanco e Xulio del Prado Rodríguez, con outros membros da delegación galega en Salobreña. (Foto: Nós Diario).

O sábado, 29 de xullo, en Salobreña (Granada), o vigués Xulio del Prado Rodríguez e o compostelán Diego Cacheiro Blanco acadaron respectivamente a primeira e a segunda posición no campionato estatal sub 16 de xadrez. Amais desta clasificación abraiante, ningún dos dous perdeu ningunha partida.

O campión, Del Prado, soamente cedeu as táboas contra o subcampión e computou unhas incríbeis oito vitorias ante fortísimos rivais. Entre ambos os dous deixaron un rexistro de 14 vitorias e catro empates, comparábeis a que o Celta e o Deportivo copasen as primeiras posicións da Liga contando as xornadas por triunfos, agás algunha igualada esporádica.

A xogadora da Escola de xadrez de Compostela Nerea Cereijo, adestrada por Diego Espiñeira, responsábel tamén da delegación galega nos campionatos, acadou o subcampionato na modalidade de rápidas da mesma categoría.

Paula Suárez Gómez -que aparece na fotografía entre Cacheiro e Del Prado- ocupou a segunda posición na modalidade clásica, empatada a puntos coa campioa.

Unhas traxectorias moi sólidas

O campión e o subcampión do Estado veñen dunhas traxectorias moi sólidas canto a resultados. Esta tempada, Xulio del Prado, membro do Club xadrez Ourense e adestrado por Rafael Rodríguez, xogando contra as figuras máis potentes da división de honra galega, acadou 7 puntos de 11. Pola súa banda, Diego Cacheiro, do Club USC e adestrado por Luis Medarde, na categoría inmediatamente inferior, logrou pleno cos seus 11 puntos no primeiro taboleiro.

As cifras falan elocuentemente do enorme potencial de ambos os xogadores, que xa resultan temíbeis para persoas moi experimentadas no eido do xadrez, e mesmo cos máximos títulos internacionais.

O potencial do xadrez galego queda claro se observamos que no sub16 galego, gañado por Cacheiro, o recente campión estatal, Del Prado, clasificouse na cuarta posición.

O grande nivel do xadrez galego

O nivel hai xa bastantes anos que se vén elevando na Galiza, até o punto de que agora en todas as categorías hai xogadoras e xogadores que apuntan aos títulos en calquera competición que participen, coma nos casos do Grande Mestre galego, Iván Salgado, o campión estatal absoluto David Lariño, ou Inés Prado, campioa galega absoluta hai 4 anos, que compatibiliza a afección ao xadrez co labor dentro dun equipo de investigación en biotecnoloxía.

A situación do xadrez galego responde a un magnífico labor de persoas que apoian o xadrez como organizadoras ou promotoras; de adestradoras e adestradores que saben transmitir a súa paixón e, naturalmente, do interese das familias en que as rapazas e os rapaces se beneficien das calidades do xogo-deporte na súa formación como persoas. O desenvolvemento lóxico, a visión xeométrica, a toma de decisións ante variábeis complexas ou a responsabilidade sobre as propias accións son só algúns aspectos ben coñecidos.

Queda marxe de manobra na integración de sinerxias, na mellora das políticas públicas para facilitar a evolución dun deporte moi económico, ou nun traballo cooperativo máis intenso. Porén, o proxecto parece ben encarreirado, como proba o éxito impresionante neste campionato estatal sub16. Nun tempo relativamente próximo, as representacións de Catalunya, Madrid e algunha outra parecíannos inalcanzábeis. Hoxe entramos por dereito propio no acio das favoritas.

Comentarios