O xadrez galego participa das actividades a prol das mulleres nesta disciplina

A federación internacional organiza este sábado un torneo a nivel europeo a través de internet.
Antía Reboredo, representante galega no último Campionato de España Sub-12. (Foto: Patricia Claros).
photo_camera Antía Reboredo, representante galega no último Campionato de España Sub-12. (Foto: Patricia Claros).

A presenza das mulleres no xadrez é cada vez máis evidente. O cambio normativo favoreceu a participación feminina nos equipos e son varias as actividades que se realizan cada ano para fomentar a igualdade neste deporte. Ás portas do mes de marzo, coa intención de conmemorar o 8-M, Día Internacional das Mulleres, dúas delas chegarán á Galiza con partidas abertas a través de internet. 

A primeira será hoxe coa realización dun torneo organizado pola Federación Internacional de Xadrez (FIDE), a nivel europeo, na que estarán presentes quince países, entre os que figuran Dinamarca, Escocia, Inglaterra, Chipre e Letonia.  

A xadrecista e adestradora da Federación Galega de Xadrez (FGX) e da Federación Española de Xadrez (FEDA), Yudania Hernández, forma parte da Comisión da Muller e o Xadrez  da FEDA e asegura a Nós Diario que este deporte mudou moito non últimos anos en termos de igualdade.

A propia pandemia da Covid-19 facilitou a expansión das partidas por internet “e tamén a súa promoción a través de series nas plataformas dixitais como Gambito de dama”. 

Batalla feminina de xadrez 

Ademais, a Comisión organizará por terceiro ano consecutivo unha “batalla” a nivel estatal na que participará a Galiza para o 5 de marzo a través da plataforma lichess.org. Tamén será un torneo no que só participen mulleres.

"O ano pasado reuniu máis de 300 xogadoras, 25 delas desde a Galiza. O obxectivo de dar visibilidade ás mulleres no xadrez creo que se está conseguindo”, afirma Hernández. 

En opinión desta xadrecista, foi moi importante a medida adoptada en 2016 que obriga aos clubs no Campionato de España a que teñan como mínimo unha muller en todos os equipos. “Antes desa medida eramos dez xogadoras nesa competición e agora somos máis de cen”, apunta, “en todas as categorías sempre hai neste momento un taboleiro feminino”, engade.

Tamén o 6 de marzo estará aberta a posibilidade de que xogadoras de todo o Estado español poidan xogar, tamén por internet, co equipo olímpico feminino. Ese mesmo día estará aberta unha clase de iniciación para todas as idades. 

Inicio da Liga Galega

Alén diso, esta mesma fin de semana comezará tamén a Liga Galega de Xadrez en todas as divisións e categorías. “Sempre comezaba no mes de xaneiro mais desta vez atrasouse”, aclara Hernández.

A coincidencia do inicio da competición máis importante do país co torneo internacional de hoxe dificultará a participación de moitas xogadoras. “Eu mesma xogo na División de Honra e non vai ser posíbel que estea tamén”, admite. 

Na División de Honra competirán este ano doce equipos: Alexandre Bóveda, Benchosey Pereiro de Aguiar, Círculo Chantadino Xadrez Dragan Paunovic, Círculo Ferrolán, Xadrez Ourense, Xadrez Rianxo, Sanxenxo, ELX, Liceo,  Padrón, Liceo Marquiño e Xadrez: Estratexia pola paz. A Primeira División contará con 48 equipos e a Segunda División con 72.  

Nesta Liga Galega por equipos haberá un total de once roldas que rematarán o 20 de maio, sete días antes da Copa Galiza.

Comentarios