O fútbol a pé consolídase como disciplina mixta, inclusiva e interxeracional

Deporte federado desde 2021, promóvese a través de torneos como que decorreu a pasada fin de semana en Negreira.
Un dos partidos que se xogaron no torneo de fútbol a pé no Concello de Negreira, a pasada fin de semana (Foto: FGF).
photo_camera Un dos partidos que se xogaron no torneo de fútbol a pé no Concello de Negreira, a pasada fin de semana (Foto: FGF).

O deporte non é algo inmutábel. Da mesma maneira que se están a recuperar prácticas deportivas tradicionais tamén nacen outras de novas. É o caso do fútbol a pé, unha modalidade baseada no fútbol, mais cun regulamento que, aínda que inicialmente está máis orientado cara a un público máis veterano, está a dar a sorpresa coa chegada de participantes cada vez máis novos. 

Normas básicas

O creador, José María Rial, foi o técnico deportivo que puxo en práctica o fútbol a pé, un nome que, como explica a Nós Diario, “xurdiu ao comentalo cun amigo médico”. As súas normas básicas, partindo das regras do fútbol, comezan pola principal, que indica que non se pode correr en ningunha situación do xogo, “nin en ataque nin en defensa”, como sinala Rial, “se non están os dous pés no chan, é falta”, engade.

A segunda en importancia é a prohibición de todo tipo de contacto entre xogadoras ou xogadores durante os partidos. “Hai que agardar que se desfagan do balón. Non podes intervir, iso si, quen o ten non pode estar máis de catro segundos con el”, indica o inventor desta disciplina.

Por último, quen teña a pelota só pode darlle tres toques como máximo, se hai máis, pítase falta. 

Ademais, os goles só serán válidos se todo o equipo atacante está en campo contrario e, se hai algún xogador defensor no campo contrario, o gol valería por dous. "Desta maneira, tes que estar pensando todo o tempo e ninguén queda fóra do xogo", asegura Rial. 

A idea que naceu en Portugal

O fútbol a pé naceu nunha viaxe que realizou José Manuel Rial ao municipio de Feira, no distrito portugués de Aveiro. “Vin unha actividade que facían con persoas maiores do concello e  que se baseaba no fútbol, mais camiñando. Decidín adaptalo con outras normas de adestramento de toda a vida”, relata a Nós Diario. Era o ano 2019 e, coa pandemia polo medio, esta disciplina deportiva adaptouse co tempo.

Equipos mixtos interxeracionais

O fútbol a pé naceu, nun principio, como un deporte social. “A idea era que o practicase xente que non estaba en ningún tipo de deporte, aínda que o practicaran no pasado” comenta Rial. Tamén apostou polos equipos mixtos nos que puidesen  participar en igualdade de condicións mulleres e homes.

A sorpresa veu na participación nos diferentes torneos que se realizaron estes anos desde a súa creación de persoas de todas as idades e non só maiores.

“É fermoso ver como xogan xuntos avós e netas sen ningún tipo de problema, é algo que lles quedará para toda a vida”, relata Rial. Outra das notas singulares do fútbol a pé é que é inclusivo.

Como mostra, o seu creador achega a participación no último torneo deste deporte, realizado en Negreira (comarca da Barcala), dun xogador invidente dentro dun dos equipos.

“Adaptamos os partidos nos que xogaba cun balón que tiña axóuxeres e non tivo ningún problema”.

O espírito desta disciplina segue a ser competitivo mais con outros valores. Por ese motivo, os trofeos que outorgan son ao xogador ou xogadora de máis idade, ao equipo con mellor espírito de fútbol a pé e á xogadora e ao xogador tamén con ese espírito.

O fútbol a pé é deporte federado desde febreiro de 2022 e ten o seu maior desenvolvemento en Cangas, na comarca do Morrazo aínda que cunha clara vocación de expandirse, como demostra o seu paso semanas atrás por Rois, na comarca do Sar.

“Polo de agora temos participantes máis que equipos, aínda que existen seis nunha competición autónoma, un deles de Mos (comarca de Vigo)”, apunta Rial.  

Comentarios