Futbolistas e maternidade, o anatema (im)posíbel

Pode unha muller xogar ao fútbol tras ser nai? A resposta é si, por suposto, aínda que até hai moi pouco tempo as xogadoras víanse obrigadas a colgar as botas ou a adiar o desexo de quedar embarazadas até o momento da retirada. Hoxe as cousas cambiaron, e a galega Sheila Sánchez está á vangarda da eliminación doutra barreira histórica. 
A coruñesa, que en 2015 tornou na segunda galega -despois de Vero Boquete- en alcanzar a condición de profesional, en Riazor co seu bebé. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera A coruñesa, que en 2015 tornou na segunda galega -despois de Vero Boquete- en alcanzar a condición de profesional, en Riazor co seu bebé. (Foto: RC Deportivo).

O nome de Sheila Sánchez Pose (A Coruña, 1994) saltou a todos os titulares de prensa alá polo verán de 2015, cando se confirmou a súa fichaxe polo FFC Vorderland austríaco, unha operación que fixo dela a segunda xogadora galega -despois de Vero Boquete- en converterse en profesional do fútbol.

Era o premio a unha traxectoria futbolística que comezara con cinco anos de idade, "no medio de nenos, recibindo insultos por parte dos pais". Agora, aos 28, e despois de "toda unha vida" dedicada ao deporte rei, afronta un último desafío: volver xogar despois de ser nai.

A retirada, non o oculta, pasou pola súa cabeza: "Tiña a idea de deixalo, porque xa son algo maior e despois de máis dun ano totalmente parada, como levo eu, retomar a actividade é sempre moi complicado".

Tampouco axudou o feito de cambiar o fútbol austríaco polo español, máis competitivo, nin o feito de que alí, ao contrario do que acontece no Estado español desde a sinatura en 2020 do primeiro convenio colectivo do fútbol feminino, as xogadoras non teñan ningún tipo de protección cando quedan embarazadas, polo que o seu club decidiu prescindir dos seus servizos en canto coñeceu a noticia do seu embarazo.

"Souben que estaba encinta a finais de novembro de 2021, cando o fútbol en Austria fai unha pausa invernal, e desde entón non volvín xogar, porque  alí regresan en febreiro e daquela xa estaría de catro meses", explica a lateral coruñesa, que engade que nesa república centroeuropea "están máis atrasados nese sentido, porque non hai nada que ampare as futbolistas, cando quedas embarazada deixas de xogar, sen máis, polo que simplemente non me fixeron a ficha".

Non obstante, e a pesar de ser consciente de que "é un pau saber que non tes ningún tipo de dereito", Sheila Sánchez réstalle transcendencia, pois "xa tiña decidido regresar", estabelecéndose xunto a súa parella e o seu pequeno en Elxe.

Alí tocou un balón de fútbol por vez primeira a pasada semana xa non desde que dera a luz a comezos de agosto, senón desde que quedara embarazada, e fíxoo vestindo as cores do segundo equipo do principal conxunto da cidade ilicitana, o Elxe Club de Fútbol. Polo de agora adestra sen ficha xunto aos novos valores franxiverdes, "nenas de 15, 16 e 17 anos", pero a súa idea é rematar asinando, porque ten o soño de que o seu fillo a vexa xogar algún partido.

Porén, para iso ten por diante un longo camiño e "moitas maniotas". "Pouco a pouco vou ir retomando o ritmo de adestramentos, nada de falar de partidos de momento -engade-, porque o corpo non ten nada que ver co que tiña antes, ten máis peso e menos musculatura, e por tanto tes que ter moito coidado coas lesións ,especialmente de xeonllos e pelve". 

Afortunadamente, no Elxe, e a diferenza do que acontecía en Austria, onde as futbolistas recibían a mesma preparación física que se fosen homes, "enfocan a situación doutro modo, con traballo específico". "Por exemplo, na semana que temos a regra as mulleres somos máis propensas a sufrir lesións musculares, polo que se une a unha serie de características físicas particulares que ten o noso corpo que fan del máis proclive a romper os ligamentos do xeonllo que o dos homes, razón pola cal realizamos traballo específico para fortalecelos", apostila Sheila, que tamén gaba do seu novo club o "respecto" e a comprensión cara á súa particular situación, pois apenas hai precedentes de xogadoras que volvan á acción logo da maternidade.

Pero hoxe a cousa é ben diferente, e como afirma esta pioneira animando as futbolistas-mamás do futuro, "antigamente cando unha muller era nai acabábase o xogar, mais agora sabemos que temos que volver, sentirnos realizadas, facelo por nós e tamén polos nosos bebés, porque con eles non remata o mundo futbolístico".

Comentarios