A Supercopa de fútbol sala pon Burela patas arriba

O tamaño, en cuestións deportivas, non sempre importa, como demostra que Burela torne desde hoxe e ao longo de toda a fin de semana na capital estatal do Fútbol Sala. A localidade mariñá acolle unha Supercopa da que o local Pescados Rubén é o vixente campión e principal favorito xunto co seu rival en semifinais, o Futsi.
As xogadoras laranxas, posando coa Supercopa que gañaron o pasado ano 2022, a terceira consecutiva que se adxudicou o Burela. (Foto: RFEF).
photo_camera As xogadoras laranxas, posando coa Supercopa que gañaron o pasado ano 2022, a terceira consecutiva que se adxudicou o Burela. (Foto: RFEF).

Con algo menos de 10.000 habitantes, a localidade mariñá de Burela torna desde o día de hoxe na capital do fútbol sala estatal grazas á Supercopa, o primeiro título oficial da tempada.

A levantar o trofeo aspiran, ademais do conxunto organizador e campión das tres últimas edicións, o local Pescados Rubén, Futsi Atlético Navalcarnero -vencedor en 2019, 2018, 2017, 2015, 2014, 2013 e 2009-, MSC Torreblanca de Melilla e STV Roldán de Torre Pacheco.  

En total serán tres días de festa deportiva que terán o seu prólogo no día de hoxe cunha xornada moi especial, na que os afeccionados e afeccionadas terán a oportunidade de coñecer as súas xogadoras preferidas. 

Pola mañá, a praza da Mariña acollerá unha fan zone que recibirá a visita de escolares de distintos centros educativos de Burela, mentres que a partir das 17 horas da tarde, e nese mesmo escenario, será a quenda das xogadoras dos catro equipos no acto principal do día, que compartirán pista de 3x3 e retos de habilidades coa freestyler Paloma Pujol -dúas veces campioa do Estado de Footbag Freestyle-, e Carla Gabián, comentarista do primeiro partido dunha liga de fútbol europea emitido en TikTok e influencer con case medio millón de followers nesta rede social.

Tamén haberá espazo para a sinatura de autógrafos, antes de dar paso a unha palestra no Auditorio de Burela que estará protagonizada por Patricia González 'Peque', Ame Romero, Amandinha e Mayte Mateo.

Semifinal de favoritos

A acción como tal arrancará no día de mañá cun choque entre os dous indiscutíbeis favoritos para facerse co triunfo final, Pescados Rubén Burela e Futsi Atlético Navalcarnero, que poderá seguirse, ademais de no Pavillón Municipal de Vista Alegre, a través da pequena pantalla pola TVG desde as 12 horas. O outro finalista sairá do Melilla-Roldán (mañá, 14.15 horas), mentres que para a finalísima haberá que agardar até as 12 horas do domingo 29 de xaneiro.

Pese a que xa non se poden adquirir os abonos para os dous días de competición, no momento da publicación destas liñas aínda era posíbel facerse con boletos por separado tanto para as semifinais como para a finalísima, a un prezo de 12 euros por partido. 

Con todo, a indiscutíbel final anticipada é o Burela-Navalcarnero, que enfronta dous equipos que acaparan as 10 últimas Supercopas, e todas as ligas e Copas da Raíña desde 2013 coa excepción do triunfo ligueiro do Roldán en 2018 e do Envilia no torneo do KO un ano antes.

 De conseguir o triunfo neste encontro, e, como diría Panoramix nos cómics de Astérix, sen querer vender a pel do xabaril antes de cazalo, as guerreiras laranxas terán todo ao seu favor para converterse no primeiro conxunto en gañar catro Supercopas de modo consecutivo, récord que até agora comparte con tres, precisamente, co Futsi Atlético Navalcarnero.

Na previa do partido a veteranísima gardameta brasileira do Burela, Jozi de Oliveira, recoñeceu que esta semifinal é "un dos choques que están marcados nos calendarios de todas as persoas que gustan do fútbol sala feminino". "É un clásico porque ten todos os ingredientes que definen estes encontros: rivalidade, boas xogadoras, moitos goles e emoción desde o principio até o final", apostilou antes de gabar un Futsi Navalcarnero que, considera, demostrou no que vai de Liga contar "cunha gran forza en ataque e unha defensa moi compacta".

Por outra parte, no outro lado do cadro a igualdade tamén é a característica máis significativa do Melilla-Roldán, cuarto e quinto respectivamente na Liga. Porén, a entidade africana chega cunha arma segrega, a estrela brasileira e tres veces campioa do mundo Nega, que debutará en Burela.

Comentarios