Xornada de novidades no fútbol galego

O remate do mercado de inverno serviu para que os equipos galegos apostaran por reforzarse. A situación económica non permitiu a chegada de xogadores 'estrela' malia a necesidade dos clubs. Esta fin de semana veremos algunhas destas novidades. 
Iago Aspas, o goleador do Celta, contará cun novo apoio na dianteira: Haris Seferovic (Foto: RC Celta).
photo_camera Iago Aspas, o goleador do Celta, contará cun novo apoio na dianteira: Haris Seferovic (Foto: RC Celta).

A necesidade de sumar puntos segue a ser unha prioridade nos equipos galegos de fútbol. Con esa intención esta fin de semana serán varias as incorporacións e mudanzas que realicen os técnicos dos clubs e que se verán nos campos de xogo das principais categorías deste deporte. 

No Celta, este sábado diante o Betis en Sevilla (21 horas), podería ser a estrea dunha nova fichaxe na dianteira: Haris Seferović. O xogador suízo vén cedido polo Benfica. Non xogará por lesión, e perderase os encontros que quedan esta tempada Marchesín. Os celestes precisan encadear outro triunfo, após a vitoria da xornada anterior ante o Atletic, para afastarse da zona de descenso. 

En peor situación está o CD Lugo que o domingo recibirá ao Eivissa no Ángel Carro (21 horas). Tras a derrota da semana pasada mudou de adestrador, coa entrada de Joan Carrillo, e vendeu o seu máximo goleador: Chris Ramos. A afección ten convocada unha protesta no estadio contra o seu presidente que anunciou que podería deixar o club ao remate da tempada. 

Primeira RFEF igualada

A situación económica dos equipos galegos da Primeira RFEF non permitiu grandes novidades. Porén, o Dépor (cuarto na clasificación) presentou esta semana Pepe Sánchez e recibirá en Riazor o Mérida (19 horas). O seu inmediato seguidor, o Racing de Ferrol (quinto), incorporou como dianteiro Manel Martínez e viaxará o domingo até León para xogar coa Cultural (12 horas). Tras deles, e ollando cara aos postos de promoción, está o Celta B (sexto), a canteira celeste que xogará o domingo o derby co Pontevedra en Vigo (12 horas). 

O equipo granate, penúltimo na clasificación, incorporou esta semana, procedente do Fuenlabrada, Javi Robles. A directiva pontevedresa, moi cuestionada pola afección, presentou esta quinta feira as contas da súa xestión e precisa os puntos para afastarse da zona de descenso.

O futuro incerto da Primeira RFEF 

A incerteza sobre o futuro da Primeira Federación de fútbol  aumentou nos últimos días coa filtración en determinados medios de comunicación sobre a posibilidade de que esta competición desaparecera tal e como a coñecemos hoxe. Creada en 2021, nela xogan esta tempada Dépor, Pontevedra, Racing e Celta B.

Xurdiu como unha proposta de facer máis atractiva a Segunda B, coa idea de dotala de mecanismos profesionais  e procurarlle equipos a nivel estatal, mais rematou por afogar economicamente boa parte dos clubs por ter que afrontar desprazamentos máis longos e custosos. 

Luis Rubiales, presidente da RFEF, reuniuse hai dúas semanas cos 40 clubs e explicoulles o seu plan. Ofreceulles que o seu organismo seguiría apoiando o actual sistema mais tendo un maior control económico ou, pola contra, que os clubs autoxestionasen todo, sen intervención da Federación. A opinión das entidades votouse telematicamente co prazo límite do 27 de xaneiro mais a Federación non quixo, polo de agora, dar a coñecer o resultado da consulta.

Comentarios