Entrevista

Ângelo Pineda, editor de Menino Morreu: "O estigma que arrastraba o fútbol está diminuíndo"

Nestas mesmas páxinas de Deportes analizábase en maio o 'boom' que en 2023 está a vivir o libro deportivo galego, e máis concretamente o que ten o fútbol como leitmotiv, unha temática que é o eixo central sobre o que pivota a actividade da editorial Menino Morreu, dirixida por Ângelo Pineda (Orcera, Xaén, 1980).
O selo dirixido por Pineda naceu no mes de xuño de 2022. (Foto: Vitoria Durán).
photo_camera O selo dirixido por Pineda naceu no mes de xuño de 2022. (Foto: Vitoria Durán)

—O primeiro que chama a atención de Menino Morreu é, por suposto, o seu propio nome. Tributo ao título do detective Nemesio Castro de Luís Manuel García Mañá?
Non. Vén dun pequeno accidente que tiven nunha zona fronteiriza entre a Galiza e Portugal cando estaba xa traballado na creación da editorial pero aínda non tiña un nome. Perdinme en plena Serra do Xurés e tardei horas en atopar o camiño de volta até que, por sorte, no último momento de batería do móbil atopei unha zona que se chamaba Menino Morreu. A xente coa que estaba díxome, "aí tes o teu nome para a editorial", e así foi.

—Menino Morreu foi o resultado dun longo proceso...
Si. A idea foi concibida no 2020, o ano da Covid, e no 2021 tamén houbo unha serie de complicacións derivadas da pandemia, polo que finalmente a saída adiouse até xuño do 22.

—Nunha reportaxe de Tensi Gesteira en Sermos Galiza de hai un ano, sinalaba que Menino Morreu nacía coa vontade de "cubrir certos ocos na produción literaria galega en temáticas que eran pouco, parcialmente ou nada tratadas". A que nós atinxe aquí, por suposto, é a colección Bébel, que en palabras que collo prestadas dun dos autores da editorial, o catalán Ramón Usall, veu "dar cabida a ensaio ou novela desde un punto de vista crítico, desde unha ollada social e política sobre o deporte". Por que escoller o nome do futbolista do Deportivo asasinado polos fascistas para denominar esta colección?
Porque Bébel García era unha figura bastante pouco coñecida até relativamente non hai moito tempo, e pareceume que o seu compromiso, que pagou coa vida, representaba moi ben o que eu pretendía para a colección, que non era simplemente facer literatura deportiva, senón tamén que o tratamento do deporte estivese ligado a cuestións sociais, políticas e culturais, é dicir, á nosa identidade colectiva.  

—Toda unha declaración de intencións, á altura da aposta contra unha corrente editorial que semella diluírse e que é contraria aos libros con temática deportiva, en xeral, e aos de fútbol en particular. Por que confiou nun suxeito tan de nicho, co engadido por suposto de facelo en lingua galega?
Eu quero dar un produto que non ofrecen outras editoriais no ámbito do galego. Notaba que non existía practicamente nada alén de cousas puntuais, nada que o fixese de maneira sistemática, canto menos. Pero si que hai unha oferta literaria e cultural sobre o fútbol en español, con revistas, editoras... entón, como sentía esa falta, decidín crear a colección, que ademais foi a primeira da editorial.

—Como ve, como editor, este cambio de paradigma co auxe do libro de fútbol en galego que se está vivindo neste 2023, no que desde as pequenas editoras até os dous xigantes como Xerais e Galaxia abriron de par en par as portas do seu catálogo ao libro deportivo e futbolístico?
Véxoo ben. Sempre houbo unha consideración do deporte, e máis especificamente do fútbol, como algo non intelectualmente válido, case lesivo, unha manobra de distracción dos problemas reais da xente. Pero esa vivencia do fútbol non é a miña, nin a de moitas outras persoas, que expresan determinados elementos positivos e inquedanzas colectivas a través del. E se as editoras agora están apostando polo fútbol é unha boa sinal de que ese estigma está diminuíndo, mais non só diso, pois se alguén lanza algo é porque hai un interese comercial detrás, é dicir, que ve que hai un público interesado e que o demanda.


Un sector en alza con "boas perspectivas"

Dun tempo a esta parte o sector editorial decidiu abrirse definitivamente á literatura deportiva, que estaba sendo deixada de lado de forma sistemática. Este fenómeno, para Ângelo Pineda, procede en parte do estigma que arrastraban o deporte e o fútbol, xa que "o pensamento da xente, polo menos nos libros de Menino Morreu, é que non está lendo só sobre fútbol, senón tamén sobre cultura, historia...".

A este respecto, e coa experiencia de contrar xa con cinco títulos na colección Bébel —Breogán Citadel, Cocaína, Máis do que unhas cores, Sacho de Seda e Fútbol contra o Estado—, Pineda responde á cuestión de se funcionan comercialmente mellor as novelas ou os ensaios apuntando que "por pouco, os de non ficción". "Quizais sexa porque na ficción está moito máis claro que o elemento deportivo xoga un papel de escusa para falar doutros temas", reflexiona.

Comentarios