O fútbol como ferramenta de inclusión no Camerún

Do mesmo modo que, tal e como explicaba Marc Bloch, para un habitante da Idade Media resultaba imposíbel de concibir un mundo sen Deus, a un europeo do século XXI cústalle crer que noutras partes do mundo as crianzas non teñan nin material escolar, pero así é. Agora, o ex futbolista do Lugo Serge Leuko loita por solucionar esta situación co proxecto 'Aucun enfant sans sac'. 
Lateral dereito internacional absoluto, Serge Leuko militou na disciplina albivermella entre 2015 e a pasada tempada. (Foto: CD Lugo).
photo_camera Lateral dereito internacional absoluto, Serge Leuko militou na disciplina albivermella entre 2015 e a pasada tempada. (Foto: CD Lugo).

"Vaise dun, canea outro, pasa en curto, parede, remate e... goooollll!". O goleador celebra e recolle con présa a improvisada pelota feita con farrapos para levalo ao centro da lameira convertida en improvisado campo de fútbol e proceder ao saque. Mamá pode chamar en calquera momento e non hai tempo que perder.

O protagonista desta escena podería ser o noso Luís Suárez na Coruña da posguerra, pero non. É un rapaz do Camerún da actualidade que, probabelmente, non teña nin idea de quen foi o Balón de Ouro nado en Monte Alto no ano 1935, aínda que comparte o seu mesmo soño de imporse á súa crúa realidade e triunfar no fútbol.

Tanto a lóxica como a estatística -os datos apuntan a que só un de cada 2.000 rapaces chegan lonxe no deporte rei- interponse no camiño destes aspirantes a Samuel Eto'o, o mellor xogador camerunés de todos os tempos, que saíu das rúas do humilde barrio de New Bell, en Douala, a cidade máis grande do país, onde os nenos que teñen un balón "son afortunados".

As palabras son doutro ilustre fillo de New Bell, Serge Leuko, quen con 14 anos abandonou o seu país da man da Fundación do propio Samuel Eto'o, dándolle a oportunidade de participar en distintos torneos en Europa e chamar a atención do Mallorca.

Comezaba así unha aventura ateigada de altibaixos con  destino na Galiza, onde durante os últimos cinco anos defendeu as cores do Clube Deportivo Lugo até a súa fichaxe polo Waasland Beveren belga hai apenas un mes.

'Aucun enfant sans sac'

Os xogadores de fútbol de elite adoitar recibir acusacións, non sen fundamento en moitos casos, de levar unha vida frívola, dispendiando os seus millonarios soldos en festas, coches caros e todo tipo de luxos, de conformar unha casta completamente desconectada da dura realidade que os rodea.

Non obstante, xente como Juan Mata -impulsor do proxecto 'Common Goal', co que pretende que os profesionais do fútbol doen 1% do seu xornal a fins sociais- ou Serge Leuko son un exemplo de exactamente o contrario.

O lateral dereito camerunés formaliza publicamente mañá a súa iniciativa 'Aucun enfant sans sac!' (Ningunha crianza sen mochila), que fará entrega a case 200 nenos e nenas do seu New Bell natal dunha mochila con sete cadernos, tres bolígrafos, un lapis e unha goma.

"En Europa pode parecer pouco, pero no Camerún hai moitas familias que nin sequera poden inscribir as crianzas nas escolas, porque non son gratis, e resúltalles moi duro afrontar os gastos que implica o material escolar para a volta  ao cole", explica Leuko a Nós Diario

O defensa internacional revela que xa levou a cabo esta tarefa en segredo durante os últimos anos, "pero agora é máis necesario que nunca dar un paso adiante e facelo público para que o proxecto sexa máis coñecido e poida chegar a moita máis xente que necesite de nós".

Porque, como recoñece, no seu país a xente nin sequera pode permitirse quedar na casa para protexerse da Covid porque "aínda que a enfermidade está aí, todos os días teñen que saír ás seis da mañá para buscar que comer, senón morrerían da fame antes que do virus".

Unha iniciativa solidaria para que a rapazada de 0 a 10 anos poida "formarse como persoas" 

A vida é dura en New Bell. "Eu sempre dou grazas a Deus, porque puiden comer e ir á escola, pero non todo o mundo ten a miña sorte", recoñece Serge Leuko, quen considera que o obxectivo principal da iniciativa 'Aucun enfant sans sac!' é "que as crianzas de 0 a 10 anos poidan formarse como persoas". Para iso solicita todo o apoio posíbel, polo que toda aquela persoa interesada en colaborar co ex xogador do Lugo pode contactar con el a través do seu Instagram (@serge_leuko24).

Comentarios