A COBERTURA, 600 EUROS POR XOGAD@R

O rugby galego, paralizado polo prezo "inasumíbel" do seguro médico

O balón ovalado non se porá en xogo na Galiza mentres a Federación Galega non achar unha aseguradora que lle ofrecer un "prezo razoábel". O Universidade de Vigo e o CRAT -equipas de élite galegas, na División de Honor B masculina e División de Honra feminina- fican momentaneamente fóra de xogo.

Nenos da canteira do CRAT
photo_camera Nenos da canteira do CRAT [Foto do FB do Arquitectura]


A cobertura médica por xogadora ou xogador sairía por volta de 600 euros, segundo as fontes consultadas por Sermos, unha cantidade que neste momento está fóra do alcance da Federacion Galega.

Sen seguro médico, nen Universidade de Vigo nen CRAT cumprirían os requisitos para competir en División de Honor.

Através dun comunicado pendurado no seu Facebook, a FGR di que após "varios meses traballando" non foi capaz de atopar "ningunha aseguradora que queira ofertar unha póliza a un prezo asumíbel". Daí que se vexa obrigada a suspender todas as competicións "até achar unha solución". "Isto implica que @s centos de xogador@s galeg@s de todas as categorías non poderán desfrutar do seu deporte por non ter  un seguro de accidentes deportivos".

Sen seguro médico, nen Universidade de Vigo nen CRAT cumprirían os requisitos para competir en División de Honor

A FGR pede á afeizón do rugby na Galiza que partille esta información: "Comparte e axúdanos a atopar unha Aseguradora que queira colaborar co noso deporte e nos permita seguir fomentando os seus valores á vez que os nosos clubes de elite poidan seguir disputando a División de Honor que tanto traballo e esforzo nos custou conquerir".
 

Comentarios