Obituario

Falece a lenda do fútbol Franz Beckenbauer

O 'Kaiser' é considerado por moitas persoas o mellor defensor da historia do deporte rei ao redefinir a posición de líbero.
Franz Beckenbauer conducindo o balón nun partido coa selección de Alemaña Federal. (Foto: DFB)
photo_camera Franz Beckenbauer conducindo o balón nun partido coa selección de Alemaña Federal. (Foto: DFB)

Marchou unha das grandes lendas do fútbol internacional. O alemán Franz Beckenbauer (1945-2024) faleceu este domingo aos 78 anos de idade, tal e como confirmou a súa propia familia na tarde desta segunda feira: "Con profunda dor comunicamos que o noso pai e o meu marido, Franz Beckenbauer, morreu o domingo, tranquilamente en compañía da súa familia. Pedimos poder levar o duelo en paz e omitir toda pregunta".

Coñecido como o 'Kaiser', Beckenbauer é considerado por moitas persoas o mellor defensor da historia do deporte rei ao redefinir a posición de líbero, polos seu éxitos coa selección de Alemaña Federal —unha Eurocopa en 1972 e un Mundial en 1974, e unha Copa do Mundo como seleccionador en 1990— e polos seus trofeos a nivel de clubes, principalmente co Bayern de Munich, co que levantou catro Bundesligas, catro Copas de Alemaña, tres Copas de Europa, unha Intercontinental e unha Recopa.

O tamén ex futbolista alemán Rudi Völler quixo dedicarlle hoxe unhas palabras: "O 'Kaiser' foi unha inspiración para máis dunha xeración, e seguirá sendo para sempre a luz brillante do fútbol alemán". "A morte de Franz Beckenbauer é un verdadeiro punto de inflexión. Repasamos o traballo da súa vida con respecto e gran gratitude", engadiu o presidente da Federación de Fútbol de Alemaña (DFB, en alemán), Bernd Neuendorf.

O alemán Franz Beckenbauer. (Foto: Ina Fassbender / DPA)
O alemán Franz Beckenbauer, na inauguración do Salón da Fama do fútbol alemán, en 2019. (Foto: Ina Fassbender / DPA)

"Franz Beckenbauer influíu como ningún outro no fútbol en Alemaña. Xunto ao brasileiro Mário Zagallo e ao francés Didier Deschamps, Beckenbauer é unha das tres persoas que se converteron en campión do mundo de fútbol como xogador (1974) e como adestrador (1990)", salientan desde a DFB.

O 'Kaiser' na Galiza

Beckenbauer perdeu a vida un día despois de celebrar o seu 78 aniversario a causa dun cancro na cidade de Múnic, á que tantas xornadas de gloria lle deu tanto como xogador do Bayern como posteriormente desde o banco nos anos 90. Seis veces gañador da Liga alemá, tres da Copa de Europa de clubs, unha da Eurocopa de nacións e da Copa do Mundo tanto sobre o céspede (1974) e na área técnica (1990), en 1969 chegou á Galiza para participar no Trofeo Teresa Herrera de 1969 defendendo as cores dun Bayern do que se agardaba máis, pero que acabou o torneo cun tristísimo balance de dúas derrotas e cero goles a favor.

O mal rendemento do conxunto bávaro provocou unha onda de críticas por parte de prensa e afeccionados, que chegaron a acusar a todos os xogadores de vir á cidade herculina para gozar dunhas vacacións pagadas... excepto a Beckenbauer. Líder absoluto, incluso o inflexíbel crítico deportivo local Marathón caeu aos seus pés, cualificándoo de "fenómeno" e destacando o feito de seguir no campo tras abrir a cabeza nun choque.

Comentarios