Fútbol

O Estado Islámico ameaza con atentados terroristas durante os cuartos da Champions

Real Madrid-Manchester City e Arsenal-Bayern abren a rolda de eliminatorias esta terza feira en Madrid e Londres.
Dispositivo policial despregado nos accesos do Estadio Santiago Bernabéu de Madrid. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera Dispositivo policial despregado nos accesos do Estadio Santiago Bernabéu de Madrid. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O grupo xihadista Estado Islámico ameazou nas últimas horas con perpetrar atentados terroristas durante os partidos de ida dos cuartos de final da UEFA Champions League, que se desenvolverán nos estadios Santiago Bernabéu (Real Madrid-Manchester City), Cívitas Metropolitano (Atlético-Borussia), Emirates Stadium (Arsenal-Bayern) e Parc des Princes (PSG-Barça), segundo alertaron desde o SITE Intelligence Group, organismo especializado en facer seguimento dos grupos terroristas.

Os xihadistas publicaron varias imaxes a través de medios afíns como a Fundación Al Azaim e Sarh al Jilafa, unha delas coa lenda 'Matádeos a todos', nas que se pode ver un home co rostro tapado portando un rifle e o nome de todos os estadios onde esta semana decorrerán os encontros de Champions.

O Estado español, que se atopa en nivel 4 sobre 5 de alerta antiterrorista, acollerá dous dos duelos da máxima competición continental os próximos días: o Real Madrid recibe esta terza feira o Manchester City no Bernabéu, mentres que o Atlético de Madrid recibirá na cuarta, no Metropolitano, o Borussia Dortmund.

Ademais, o Arsenal e o Bayern de Múnic veranse as caras tamén esta terza feira no Emirates Stadium de Londres, mentres que o FC Barcelona visitará o Paris Saint-Germain no Parc des Princes da capital francesa na cuarta. Todos os partidos comezarán ás 21 horas.

Comentarios