O 'Día do Deporte' volve o sábado a Bergondo

A actividade permitiará achegarse até a 13 disciplinas diferentes.

A acción será en Gandarío. (Foto: Club Salvamento).
photo_camera A acción será en Gandarío. (Foto: Club Salvamento).

O Concello de Bergondo organiza este sábado, día 6 de abril, a segunda edición do seu 'Día do Deporte', unha xornada na que veciños e veciñas poderán achegarse até unha vintena de disciplinas diferentes, así como asistir a numerosas exhibicións. 

O Albergue de Gandarío será o lugar no que se desenvolverá esta iniciativa, que arrancará ás 12 horas coa apertura de portas e as demostracións de modalidades como o kajukenbo (arte marcial), ximnasia rítmica, ciclismo, atletismo, baloncesto e salvamento acuático, que se levarán a cabo ao longo de toda a xornada.

Todos e todas as persoas interesadas en participar, ademais de en asistir ás exhibicións, poderán probar até 13 disciplinas deportivas: escalada, tiro con arco, triciclos, parkour e skate, vólei, tenis, bádminton, florball, kin-ball, goal-ball, minigolf, kaiak e diferentes xogos populares. "Ademais, tamén se poderá levar a bicicleta", segundo apuntan desde a organización.

Con respecto aos horarios, a quenda de mañá estenderase desde as anteditas 12 até as 14 horas, continuando o 'Día do Deporte' ás 15.30 e até que baixe o pano ás 18.30 horas. Nese intermedio, repartiranse "totalmente gratis" callos, pizza e froita para os e as asistentes.

Comentarios