As incógnitas que o coronavirus provocou no deporte galego en 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, reuniuse virtualmente coa xunta directiva da Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega) para trazar os pasos a dar neste "momento complicado".
secretaria xeral boa

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu durante a mañá de hoxe unha nova reunión virtual coa xunta directiva da Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega). O mandatario galego enviou aos distintos presidentes das federacións deportivas da Galiza unha mensaxe de unión "nun momento complicado” no que a Secretaría Xeral para o Deporte sinala estar traballando "man a man" co tecido deportivo galego na toma de decisións conxuntas que "beneficien" á totalidade do sector.

Esta xuntanza enmárcase nunha serie de encontros virtuais que a Secretaría Xeral para o Deporte realiza periodicamente para que todo o deporte galego avance “de xeito unánime na mesma dirección”.

En canto as medidas máis importantes xa tomadas pola Xunta da Galiza no eido deportivo, o secretario xeral informou que, a resolución que prorroga seis meses os recoñecementos de alto nivel para os deportistas galegos que finalizan a súa condición no ano 2020 vén de ser asinada e que será publicada no Diario Oficial de Galicia nas vindeiras datas. A extensión deste recoñecemento noutros seis meses implica tamén a extensión de todos os beneficios que leva aparellados.

Cómpre salientar tamén que no mes de maio, a Escola Galega do Deporte porá en marcha o bloque común das actividades de formación deportiva, na modalidade a distancia, coa colaboración da Unión de Federacións Deportivas Galegas.

Os expedientes de pago dos 58 convenios de colaboración coas federacións deportivas da Galiza; a convocatoria a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e seccións deportivas para o desenvolvemento de actividades deportivas; así como o Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia da Fundación Deporte Galego, "seguen a súa tramitación habitual", informan.

E no que atinxe á resolución das competicións deportivas suspendidas que dependen das federacións galegas, o secretario xeral para o Deporte escoitou as dúbidas e propostas dos responsables da Ufedega, "tendo en conta as particularidades de cada federación", co obxectivo de poder tomar unha decisión conxunta que favoreza a todo o tecido deportivo galego nas próximas reunións.

Neste sentido, Lete Lasa informou os presidentes das distintas federacións deportivas galegas que a Secretaría Xeral agarda resposta do Consello Superior de Deportes (CSD) tras a comunicación enviada o pasado 30 de marzo na que se solicitaba información sobre as decisións adoptadas respecto das competicións deportivas oficiais de ámbito estatal nas distintas modalidades.

Comentarios