A PREVIA | O Dépor, a por unha vitoria crucial en Riazor para fuxir do descenso

Fran Alonso cualifica o partido das súas pupilas como de "final especial". 
Yohana, a porteira titular do Dépor feminino, adestrando. (Foto: RC Deportivo)
Yohana, a porteira titular do Dépor feminino, adestrando. (Foto: RC Deportivo)

O Dépor feminino enfróntase este sábado co Granada (Riazor, 12 horas) no partido correspondente á 27ª xornada da liga. Os resultados da semana pasada, coa derrota en Buñol ante o Levante UD (2-1), deixaron as herculinas na 13ª posición con 26 puntos. En rolda de prensa esta quinta feira, Fran Alonso cualificou o choque como unha "final especial porque cando vimos de derrota para nós é moito máis importante recuperar sensacións, sobre todo en resultados".

O técnico deportivista asegurou que por este motivo "puxemos moito esforzo esta semana. Sempre o pomos pero esta semana un pouco máis porque é o penúltimo partido na casa e para nós unha vitoria sería importantísima de cara ao noso obxectivo na permanencia". 

Para o partido causarán baixa, ademais de Henar e Cristina Martínez, a gardameta Inês Pereira, sancionada por acumulación de amoestacións. Sobre a internacional portuguesa Alonso opinou que "é unha das mellores porteiras da liga. Deunos moitísimo pero temos moita confianza en Yohana. Leva tres semanas adestrando a un nivel moi alto". Na primeira volta disputada na Cidade Deportiva granadina o pasado 8 de decembro de 2024 (12ª xornada) venceron as andaluzas por 5-0. 

Dépor e Racing de Ferrol

No equipo masculino do Dépor, os homes de Gilsanz aínda terán que agardar un día máis para enfrontarse ao seu rival: o Racing de Santander. No histórico entre ambos os dous equipos en terreo cántabro, 43, os locais gañaron en 15 ocasións, as mesmas veces que os galegos, e tiveron 13 empates. 

Perto da Coruña, en Ferrol, o Racing espera continuar coa esperanza de salvar a categoría e o primeiro chanzo, polo de agora, está en derrotar o Almería.  Aos de Alejandro Menéndez non lles vale nin o empate nin a derrota, algo que sabe o equipo andaluz. Os branquivermellos veñen de sufrir o enésimo fracaso do curso a domicilio, esta vez en Castalia (4-1), e necesitan gañar para tentar coarse en posicións de play-off de ascenso.

Comentarios