O Dépor gaña en Alicante e encadea a súa segunda vitoria consecutiva

A equipa de Fernando continúa intratábel lonxe de Riazor. Dous goles de Borja derrotaron a un Hércules que apenas inquietou a Lux.

Hércules-Dépor
photo_camera Celebración dun gol

Se non está obrigado a levar o mando do xogo, este Deportivo 2013-14 é unha equipa temíbel. En Alicante, reeditou a historia de Sabadell. Ocupou moi ben o seu campo e soubo gañar as costas da zaga rival nos momentos en que máis doe. Borja voltou tamén a ver porta e, como en Sabadell, marcou por partida dupla.

Bergantiños cada día está cómodo no centro da zaga e Wilk oficia como solvente áncora no centro do campo. No que vai de liga, o Deportivo só cedeu un gol aos seus contrarios co balón en xogo (o segundo dos que encaixou en Xixón). Fernando constrúe as súas equipas desde a solvencia atrás, o cal torna a Lux en pouco menos do que un espectador. Así foi durante a primeira metade. Na segunda, o garda-redes si que foi algo exixido polo Hércules. Apareceu e mostrou as súas excelentes condicións como arqueiro, nomeadamente nunha bola envelenada que se coaba polo seu pao longo e que soubo despexar a córner.

Se hai un dianteiro deses que se baleiran na presión á zaga rival e que chutan a porta todo aquilo que cazan perto ése é Borja Bastón. En Alicante voltou a ter o ponto de mira afinado. Aproveitou unha excelente asistencia de Juan Carlos para pór o 0-1 no taboleiro de marcas (m. 23) e, cun chisco de fortuna, non demorou muito en apañar a súa segunda diana do xogo (m. 34), a cuarta do que vai de campionato.

O Dépor suma xa 12 pontos, após sumar 4 vitorias (3 delas fóra de Riazor) e ceder 3 derrotas

Co 0-2, Fernando tiña o partido alí onde queria. O Hércules envorcouse en ataque e, xa na segunda metade, o técnico de Castrofeito reaxiu desde a bancada. Como xa fixera fronte o Alcorcón, dispuxo unha liña de 5 atrás (con tres centrais Bergantiños-Kaká-Insua) e nese muro morreron todos os ataques alicantinos.

Borja viuse obrigado a abandonar o terreno de xogo por molestias nun nocello, que en principio non revisten de gravidade. Foi substituído por Luis, que máis unha vez voltou a deixar ver a súa boa relación coa pelota e a súa punta de velocidade. Abeirou o gol. Chegará porque o ex do Fabril ten descaro e non engruña xamais.

Debutou tamén en liga Diego Seoane pola banda dereita, ao substituír no minuto 56 a Arizmendi. Cumpriu sobexamente.

O Dépor suma xa 12 pontos, após sumar 4 vitorias (3 delas fóra de Riazor) e ceder 3 derrotas. Non coñece aínda o empate en liga.

Hércules: Falcón; Ferreiro, Escassi, Borja Gómez, Peña; Yuste, Sissoko (Assulin, m.46), Sardinero (De Lucas, m.46), Font (Portillo, m.46); Eldin, y Dioni.

Deportivo: Lux; Laure (Kaká, m. 56), Manuel Pablo, Álex, Insúa; Juan Domínguez, Wink, Juan Carlos, Culio; Arizmendi (Seoane, m.56) y Borja Bastón (Luis, m.75).

Goles: 0-1, m. 23: Borja Bastón. 0-2, m. 34: Borja Bastón.

Comentarios