Denuncian o veto do PP de Cabanas ás Olimpíadas Populares Galegas

Suspendido un evento que ía comezar o próximo día 22 de setembro.
A novena edición do certame estaba programada en Cabanas. (Foto: O Quilombo).
photo_camera A novena edición do certame estaba programada en Cabanas. (Foto: O Quilombo)

Na presente fin de semana estaba prevista a disputa da IX edición das Olimpíadas Populares Galegas no concello de Cabanas, pero desde o Comité Organizador, conformado polo conxunto de fútbol gaélico Fusquenlha de Pontedeume e o Colectivo Terra, explican que se viron "obrigados a adialas".

A razón é que, "despois de semanas de traballo", entraron en contacto co concelleiro de Deportes, Joel Ares Faraldo, quen "desde un primeiro momento mostrou a súa total disposición a colaborar", din.

Este compromiso traduciuse na súa "palabra" de xestionar as licenzas necesarias co departamento de Costas, de tratar coa Dirección do CEIP Eladia Marinho o uso do seu pavillón en caso de chuvia, e na autorización ao uso do piñeiral da Magdalena e dos baños públicos, "ficando só pendente de confirmar a utilización do posto de primeiros auxilios"

"Non ides ter problemas", foron as palabras do concelleiro do PP, tal e como revela o Comité Organizador. Ademais, e na mesma liña, a coordinadora de Deportes confirmoulles que "non terían problema" en utilizar o anexo da Veiga, así como que tampouco habería inconveniente en fechar as pistas de pádel durante os tres días (22, 23 e 24 de setembro) nos que se estendese a competición

Non obstante, e despois de que Ares "mantivese a súa disposición e vontade de colaboración coa organización" a pasada cuarta feira, día 13 de setembro, desde o 15 xurdiron repentinamente eses "inconvenientes".

"Dixo que as Olimpíadas Populares Galegas non se podían desenvolver unilateralmente e cortou calquera posibilidade de procurar solucións a problemas que apareceron de súpeto a unha semana do seu inicio, coas inscricións xa fechadas", denuncian. Neste sentido, o Concello de Cabanas alegou "falta de tempo para a autorización de Costas, ausencia de licenza de ADIF para que o tríatlon poida pasar preto dunha ponte, obras no pavillón do CEIP Eladia Mariño ou xente que quería xogar ao pádel no Campo da Veiga".

Por iso, denuncian "a actitude do Goberno Municipal de Cabanas", que sosteñen, ten "unha motivación política", pois ao PP "moléstalle todo o que saia das súas coordenadas ideolóxicas", e confesan que xa están a traballar para conseguir "unha nova data e outro Concello que mostre máis dispoñibilidade e colaboración".

Comentarios