A lapa das Olimpíadas Populares Galegas arde en Poio

O deporte é moito máis que rexistros, marcas e récords. É tamén convivencia, solidariedade e competencia amigábel. Este espírito represéntao mellor que ningunha outra proba as Olimpíadas Populares Galegas, que arrancan mañá en poio a súa oitava edición logo da pausa imposta pola pandemia.
As disciplinas van desde variantes atléticas como os 100 metros lisos ou o tríatlon até o tiro con fisga (na imaxe) ou a chave e a billarda. (Foto: O Quilombo).
photo_camera As disciplinas van desde variantes atléticas como os 100 metros lisos ou o tríatlon até o tiro con fisga (na imaxe) ou a chave e a billarda. (Foto: O Quilombo).

A pandemia non pode coas Olimpíadas Populares Galegas. Tras un bienio de parada obrigada nos anos 2020 e 2021, o xa tradicional evento alcanza a súa oitava edición, que terá lugar na área da Reiboa e na explanada da Seca, na parroquia de San Xoán, en Poio. Organizado pola Asociación o Quilombo, que contou coa colaboración do Concello local, o certame comezará mañá e estenderase até o próximo domingo, 12 de xuño. 

Organizacións xuvenís, cidadás e, en definitiva, unha importante representación do tecido asociativo do país serán da partida nun evento cunhas implicacións que van alén do eido estritamente deportivo, pois a convivencia e a comuñón coa contorna natural na que se desenvolve gañan peso en relación ás marcas e os podios que adoitan caracterizar o mundo do deporte. 

"Máis que unha competición en si mesma, o que se ofrece é un espazo de convivencia e amizade para o tecido asociativo e a veciñanza en xeral, para que poidan gozar de tres xornadas nas que a tradición e o deporte son as protagonistas", indicaron durante a presentación oficial as edís responsábeis das áreas de Cultura e Deporte do Concello de Poio, Raquel Rodríguez e Marga Caldas. 

Pola súa parte, desde a Asociación O Quilombo destacaron que "as VIII Olimpíadas Populares Galegas supoñen unha gran oportunidade para dar promoción e visibilidade á cultura galega, ao tempo que se fomentan valores como a igualdade, o feminismo e o coidado polo medio ambiente", engadindo as concelleiras que tamén "fomentan hábitos saudábeis e serven para pór en valor zonas nas que practicar deporte e gozar dos espazos naturais, como os que temos en Poio e, máis concretamente, na contorna da Seca".

18 probas diferentes

As Olimpíadas Populares Galegas estarán conformadas por 18 xogos e competicións deportivas, tanto individuais como por equipos. En concreto trátase de salto de lonxitude, pentasalto, 100 metros lisos, remudas 4x100, 5.000 metros lisos, tríatlon, brilé, voleibol, tiro de corda, tiro con fisga, lanzamento de apeiro, lanzamento de boina, pano, chave, billarda, xadrez, loita galega -empregando unha adaptación do regulamento desenvolvido polo Club de Loita A Cambadela da Estrada, responsábel de evitar a desaparición desta histórica disciplina que mesmo figura na obra de Rosalía de Castro, pois reflíctea no seu poema A probiña, que está xorda...!, incluído en Follas Novas- e fútbol gaélico na súa modalidade de tiro a paus. 

Actividades paralelas

A maiores de todas estas probas, o programa argallado por O Quilombo tamén ofrece unha serie de actividades complementarias, como son foliadas abertas, que terán lugar á finalización de cada xornada deportiva. Ademais, tamén darán  a opción de tomar parte nun roteiro guiado polos muíños da Freixa e nun obradoiro de fútbol gaélico. 

O programa feito público pola organización indica que o devandito roteiro ten a súa saída prevista para mañá ás 19 horas da tarde. Xa ás 20.30 da sexta feira será a quenda do obradoiro de fútbol gaélico, e o grupo de música tradicional Os Alegres fecharán a primeira xornada de actividades paralelas cunha actuación ás 22 da noite.

Á mesma hora, pero xa o sábado día 11 de xuño, terá lugar unha foliada, e na derradeira data das Olimpíadas Populares Galegas, o domingo 12, ás 11 horas está previsto que se desenvolva un "obradoiro de papaventos en defensa da Ría".

"Trátase, en definitiva, dun evento que vai máis alá do deporte e que sirve de palestra para a nosa cultura e a nosa tradición", concluíron as concelleiras Raquel Rodríguez e Marga Caldas no final da presentación.

Comentarios