Xustiza

Dani Alves, a un paso do banco dos acusados por un delito de violación

A xuíza imponlle unha fianza de 150.000 euros ao futbolista, actualmente en prisión provisional por risco de fuga.
O futbolista Dani Alves, nun partido co Barça. (Foto: Brett Hemmings / AAP via Europa Press)
photo_camera O futbolista Dani Alves, nun partido co Barça. (Foto: Brett Hemmings / AAP via Europa Press)

A maxistrada do Xulgado de Instrución 15 de Barcelona xa rematou a investigación ao futbolista Dani Alves por presuntamente agredir sexualmente unha moza na discoteca Sutton de Barcelona o pasado 30 de decembro, polo que vén de acordar procesalo por un delito de agresión sexual. Alves está citado esta cuarta feira, ás 12.30 horas, para recibir a comunicación formal de que terá que ir a xuízo proximamente.

Fontes xurídicas citadas pola axencia Europa Press explicaron que a xuíza decidiu convocalo para este último trámite da instrución, polo que o xogador deberá acudir presencialmente á Cidade da Xustiza de Barcelona.

Alí, a xuíza exporalle os motivos do procesamento e Alves poderá declarar ou ben absterse, o que é máis habitual neste trámite, e despois será a quenda de que as partes presentes os seus escritos de acusación e de defensa.

A xuíza tamén lle impuxo unha fianza de 150.000 euros, que non afecta a súa situación de prisión provisional, senón que é unha forma de adiantar posíbeis responsabilidades civís que poida fixar a sentenza.

Alves está en prisión provisional desde o 20 de xaneiro e desde entón o seu defensa pediu en varias ocasións que saia en liberdade, algo que tanto a instrutora como a Audiencia de Barcelona desestimaron, de forma que esta cuarta feira chegará ao xulgado conducido polos Mossos d'Esquadra desde o cárcere de Brians 2, en Sant Esteve Sesrovires (Baix Llobregat, Barcelona).

Na última ocasión que a Audiencia de Barcelona rexeitou deixalo en liberdade provisoria, os xuíces afirmaron que os indicios que tiñan para mantelo en prisión ficaban vixentes, e que as novas probas que recadara a investigación "non só os desvirtúan, senón que os confirman", e este sentido fixeron referencia ao informe sobre as pegadas no lavabo onde se produciría a agresión denunciada, que non coinciden coa postura que Alves explicou na súa declaración.

Comentarios