A última vez que o Clube Deportivo Lugo ocupou postos de play-off de ascenso a Primeira División foi o día 2 de febreiro de 2018, logo de empatar na casa co Albacete na xornada 25. Hoxe, case tres anos máis tarde, os albivermellos volven durmir nos postos de honra da categoría logo de gañar na casa ao poderoso Rayo Vallecano por 1-0.
O mérito dun conxunto no que só permanecen Seoane e Cristian Herrera daquel Lugo que chegou a ser líder da tempada 2017/18 é maior tendo en conta que hai só cinco xornadas, pouco máis de tres semanas, ocupaba a vixésima e antepenúltima posición na táboa clasificatoria.
Detrás da resurrección do equipo está o francotunecino Mehdi Nafti, que é consciente de que esta positiva xeira de resultados "ten que rematar" nalgún momento, pero que entre medias conseguirán "ser respectados" por parte dos rivais.
Vigo, a cruz da moeda
Se en Lugo todo vai sobre rodas desde a chegada do novo adestrador, en Vigo parecen instalados nun escenario oposto con Óscar García. O equipo volveu dar unha imaxe pésima na derrota ante a Real Sociedade (1-4) e a pantasma do descenso volve aparecerse logo dos inmensos apuros para conseguir a permanencia a pasada tempada.
Detrás desta situación parece estar un conflito xa non disimulado entre o técnico catalán e parte do vestiario encabezado por Hugo Mallo, ao que retirou a capitanía en prol de Iago Aspas.
A pesar de contar co apoio do presidente, Carlos Mouriño, as horas de Óscar García parecen contadas e xa ten enriba da mesa nomes como Marcelino e o inesquecíbel Toto Berizzo como posíbeis substitutos.
Os esquipos galegos, a dúas velocidades na Segunda B
Por outra banda, a terceira xornada na Segunda División B parece ir perfilando os obxectivos dos representantes do país. Así, se Dépor (0-1 a Unionistas nun partido moi malo dos branquiazuis) e Pontevedra (2-1 ao Celta B) se instalan na primeira posición empatados a puntos (7) cun Zamora ao que o Rácing de Ferrol foi quen de sacar un empate que o sitúa con 4 puntos e o punto de mira nos postos de ascenso, Compostela, Celta de Vigo B e Coruxo ocupan as tres últimas posicións da clasificación, e son xa os únicos equipos do seu grupo que aínda non coñecen o que é a vitoria.