O Costa Atlántica MTB volve encher Pontevedra de ciclismo

A carreira estenderase do 8 ao 10 de setembro
Ramallo, Gulías, Muñiz e Cimadevila, onte no acto de presentación. (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera Ramallo, Gulías, Muñiz e Cimadevila, onte no acto de presentación. (Foto: Concello de Pontevedra).

O Costa Atlántica MTB Tour regresará esta fin de semana cun formato de tres días de competición que se estenderá desde a sexta feira, 8 de setembro, até o domingo 10.

Así o confirmou a concelleira de Deportes de Pontevedra, Anabel Gulías, no acto de presentación dun certame que se desenvolverá na contorna da Boa Vila e no que estivo estivo acompañada por María Ramallo, representando á Deputación de Pontevedra; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; e o o responsábel de Global DXT, Josevi Cimadevila.  

Gulías tamén revelou que xa son más de 150 as persoas que realizaron a inscrición na única proba de MTB por etapas na Galiza tanto na categoría absoluta como nas de base, e en formato individual ou por parellas.

Con respecto á súa estrutura, a primeira tirada será unha contra o reloxo con saída na Praza de España e chegada na de Santa María. Con tres quilómetros de extensión, percorrerá o centro de Pontevedra desde as 20.30 horas, cando un tras outro, e cun intervalo dun minuto entre cada un deles, os corredores e corredoras vaian tomando a saída.

O segundo día a quilometraxe elévase até os 81, con 1.800 metros de desnivel acumulado. Será unha etapa costeira que comezará subindo o monte Castrove e, tras deixar atrás Meaño, Cambados, Ribadumia,  o Mosteiro de Armenteira e Castrove, rematará en Pontevedra aproximadamente ás 12.15, antes do comezo da callos party que ten preparada a organización.

Finalmente, o Costa Atlántica MTB Tour baixará o pano cunha tirada de 65 quilómetros con saída de novo na Praza da Ferrería (9 horas). Será un circuíto "máis técnico", tal e como salientan desde o Concello, que tamén puxo en valor as "vistas da ría desde o banco de Pastoriza, a Cruz de Hermelo, a subida ao monte Paralaia ou o Lago Castiñeiras".

Susana Rodríguez estará no Mundial de Paratríatlon

Pontevedra tamén será en próxima datas (20 a 24 de setembro) a sede doutro evento de primeiro nivel: o Mundial de Tríatlon e Paratríatlon, a cita máis importante no ciclo de clasificacións para os Xogos Olímpicos de París 2024. Alí, a Galiza, tal e como vén de confirmar a Federación, estará liderada por Susana Rodríguez Gacio, medalla de ouro en Toquio 2020.

Comentarios