A Coruña torna na capital estatal do taekwondo

A clásica 'Copa' herculina alcanza a edición 18.
O torneo desenvolverase durante esta fin de semana. (Foto: Concello da Coruña).
photo_camera O torneo desenvolverase durante esta fin de semana. (Foto: Concello da Coruña).

O Coliseum da Coruña acollerá esta fin de semana a XVIII edición da Copa Cidade da Coruña de Taekwondo, que esta vez contará coa participación de máis de 1.000 deportistas masculinos e femininos procedentes de todos os recunchos do territorio estatal, facendo da cidade herculina a capital desta disciplina marcial.

A Federación Galega de Taekwondo (FGT), xunto co Concello da Coruña e a Escola de Taekwondo Garrapucho son as entidades detrás da organización dunha competición que está considerada como unha das máis emblemáticas deste deporte programadas na Galiza, en boa parte grazas a un cadro de participantes que reunirá a elite no plano estatal, pois os e as taekwondoin tratarán de obter os mellores resultados posíbeis para sumar puntos nos ránkings das categorías infantil, pre cadete, cadete, júnior e sénior, ademais da Máster, sendo puntuábel para o próximo Europeo. 

Con respecto ao calendario, a acción comezará nun Coliseum no que o acceso será de balde até completar a capacidade dispoñíbel o sábado 10 en xornada de mañá, concretamente ás 9 horas, baixando o pano ás 15. Xa pola tarde, a Copa Cidade da Coruña volverá ás 15 horas, concluíndo o primeiro día de competición ás 20. Ao día seguinte, domingo 11 de xaneiro, o horario será integramente vespertino (15-20 horas).

No acto de presentación do certame, que tivo lugar no día de onte no Pazo dos Deportes de Riazor, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez -que estivo acompañado por membros da directiva e outros integrantes da Escola de Taekwondo Garrapucho-, manifestou o seu "agradecemento" polo labor de organización, reivindicando que esta clase de eventos contribúen a "visibilizar cidades" e a xerar "un retorno económico inmediato".

As escolares aproximáronse ao deporte da loita

A Federación Galega de Loita baixou o pano da iniciativa 'Loitando en verde', a través da cal máis de 1.500 alumnos e alumnas dos centros educativos de Pontevedra puideron gozar dunhas actividade lúdico-formativas levadas a cabo polos técnicos da Federación Galega de Loita. As actividades leváronse a cabo e contribuíron a "incentivar a práctica deportiva entre as persoas máis novas".

Comentarios