Noa Romero logra para a Galiza un bronce no Europeo Sub-21 de taekwondo

A taekwondoin do Club Natural Sport gañou a primeira medalla para o país na gran cita continental.
Romero foi bronce ne -49 quilogramos. (Foto: Fegato).
photo_camera Romero foi bronce ne -49 quilogramos. (Foto: Fegato).

Chegou a primeira medalla para o taekwondo galego no Europeo Sub-21.

Noa Romero (Natural Sport) acadou o bronce en -49 quilogramos, nun gran campionato por parte da taekwoin. Ademais, Sergio Troitiño (-87, Mat´s) perdeu nos cuartos de final e Silvia Otero (-49, Mat´s) non puido pasar da primeira rolda.

Con respecto ao percorrido da flamante medallista na cita que está tendo lugar en Bucarest (Romanía), na primeira rolda superou a local Andreea Buruiana con facilidade (2-0), para enfrontarse posteriormente a Maryam Mammadova (Azerbaián), a quen venceu en dous asaltos, aínda que moi axustados.

Desta forma Noa chegou a uns cuartos de final onde esperaba Latisha Garbett (Gran Bretaña), e novamente a deportista galega non deu opción algunha á súa rival, facéndose coa vitoria en dous rounds.

Coa medalla xa asegurada, intentou asaltar a finalísima ante a sueca Indra Boden, mais, logo dunha loita axustada e fermosa que se decidiu en tres asaltos, a sorte caeu do lado da competidora escandinava.

“Foi unha experiencia incríbel que non vou esquecer nunca", manifestou Noa Romero despois do combate, non sen ocultar a súa “dor” porque se lle escapase no último momento unha final para a que se estivo “preparando durante moito tempo”. Non obstante, considera que a experiencia lle servirá “para seguir mellorando e ir a por máis".

Na súa mesma categoría de peso tamén competiu Silvia Otero, mais non tivo sorte, xa que caeu no primeiro combate ante Elif Sude Akgul (Turquía) en dous asaltos.

Pola súa parte, Sergio Troitiño quedou preto das medallas, xa que foi derrotado polo ucraíno Artem Harbar nuns cuartos de final nos que, a falta de 10 segundos do segundo round, ía por delante (5-4), mais Harbar logrou remontar cunha acción.

Hoxe, domingo, será o último día dun torneo no que entrarán en acción os galegos  Adrián Salanova (-68, Maniotas) e Irene Montemuíño (-62, Natural Sport). Salanova, nun peso con 41 participantes, arrinca a competición fronte a Daniel Muntaniol (Alemaña). Pola súa banda, a primeira rival de Montemuíño será a chipriota Antreana Achilleos, tamén nun peso con moitas competidoras (31).

Comentarios