CON 39 PUNTOS SEGUEN SEN ESTAR SALVADOS MATEMáTICAMENTE

As contas do Dépor

Por diante quedan unha visita ao Madrigal e recibir ao Real Madrid en Riazor

Betis-Deportivo
photo_camera Betis-Deportivo

O Deportivo meteuse en problemas despois dunha aciaga segunda volta na que só sumaron 12 puntos, a falta de dúas xornadas. Tendo chegado ao remate da primeira volta con moi boas sensacións e con 27 puntos.

Afastámonos do Deportivo que se achegaba a postos europeos, que facía sufrir a grandes equipos como o Barcelona no Camp Nou, arrincándolle un empate, ou daquel equipo organizado que chegou a ser un dos 5 conxuntos que menos ocasións concedía en toda Europa.

A excelente primeira metade de tempada deu paso a unha crise de resultados, ao encadear unha xeira de empates, que rematou por dexenerar en crise de xogo e falta de confianza. Dez empates nas últimas vinte xornadas e tan só unha victoria. Esas son as cifras que obrigan, agora, a facer contas.

Os equipos involucrados na loita pola permanencia son Xetafe, Sporting, Raio, Granada, Deportivo e Espanyol

Entremos en materia. Vexamos as combinacións posíbeis para que o Dépor continúe un ano máis en Primeira División:

Tras a certificación do descenso do Levante, os equipos involucrados na loita pola permanencia son Xetafe, Sporting, Raio, Granada, Deportivo e Espanyol. Este último, con 40 puntos, só descendería no peor dos casos.

O que queda por diante

O Deportivo enfrontarase domingo ás 17.00 horas ao Vilarreal, fóra da casa. Os de Marcelino chegan ao encontro xa clasificados para Champions League e sen nada en xogo. Os coruñeses poderían certificar esta fin de semana a salvación, impoñendo a súa necesidade sobre o rival. De ser así, sumarían 42 puntos e afrontarían con absoluta tranquilidade a última xornada fronte ao Real Madrid, que probablemente visitará Riazor loitando polo título.

Unha vitoria no Madrigal ou en Riazor fecharía tódalas cávalas, mais de non gañar, as contas do Depor seguirían en pé.

Dobre empate contra Vilarreal e Real Madrid

O escenario máis esixente, marcaría a permanencia en 41 puntos, no caso de que Granada, Raio e, ou ben Sporting ou Xetafe, que se enfrontan esta xornada, gañasen os dous partidos.

Imaxinando unha situación na que o decimo oitavo sume 41 puntos, ao Deportivo non lle chegaría con igualar a suma, xa que Granada acadaría 42 e produciríase un triple empate entre Depor, Raio e Sporting ou Xetafe.

No caso de triple empate a diferenza de goles entre os tres implicados marcará as posicións finais

Neste caso, a diferenza de goles entre os implicados marcaría as posicións finais e o Deportivo da Coruña, que son tén saldo positivo ante o Raio Vallecano veríase perxudicado na maior parte de combinacións.Só sairía beneficiado nas combinacións Dépor - Granada e Sporting e Dépor - Raio - Sporting. Nos demais casos o Deportivo descendería.

Empate co Vilarreal e derrota en Riazor, ou á inversa

Con 40 puntos a salvación é moi probable. O Granada, con 36 puntos, precisaría un empate e unha vitoria para chegar a eles. Difícil. Os nazaríes enfróntanse ao Sevilla no Pizjuán e ao FC Barcelona nos Cármenes, coa liga en xogo. O lado negativo é que o goal average perxudica aos galegos.

O Raio, con 35, enfróntase á Real Sociedade e ao Levante. Non fará 40 puntos en ningún caso, mais superaríaos de gañar ámbolosdous encontros.

Sporting e Xetafe enfróntanse esta xornada no Coliseum, un empate imposibilitaría que acadasen os 40 puntos. Se un dos dous se impón, o derrotado tampouco chegaría aos 40 e o gañador podería sumar 41 de repetir victoria. O Xetafe irá ao estadio do Betis na última xornada e o Sporting recibirá ao Vilarreal.

Dobre derrota

Perdendo no Madrigal e en Riazor co Real Madrid, os de Víctor Sánchez del Amo terían que esperar que, como mínimo, dous equipos rematen con 39 puntos ou menos.

O Deportivo tén o goal average en contra con Xetafe, Sporting e Granada

No empate a 39 puntos o goal average gañaría protagonismo. Sería unha mala nova para o Dépor, que só o tén gañado co Raio Vallecano. Tanto Xetafe como Sporting e Granada teñen este factor ao seu favor contra os coruñeses. Os triples empates, polo de agora, benefician ao Deportivo e só unha derrota abultada lle faría perder esa vantaxa.

Con todo, podemos concluir que o Deportivo da Coruña é o mellor situado para lograr a permanencia, obviando ao Espanyol, e só a dificultade dos enfrontamentos que restan o meterían en apuros. Os de Víctor só precisan unha victoria e dependen de si mesmos. Só queda esperar que, desta vez, o home non sexa o inimigo do home.

Comentarios