Compostela será a sede do Europeo de Loitas Olímpicas

O certame comezará o próximo 26 de xuño.
A praza do Obradoiro acolleu o acto de presentación do evento. (Foto: Fegaloita)
photo_camera A praza do Obradoiro acolleu o acto de presentación do evento. (Foto: Fegaloita)

O Pavillón Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela acollerá entre o 26 de xuño e o 2 de xullo o Campionato de Europa de Loitas Olímpicas Sub-20, que se desenvolverá por vez primeira en territorio galego.

Anteriormente, a Galiza xa acolleu grandes citas continentais e mundiais, como o Campionato de Europa Sub-20 en Pontevedra (2019), a mesma localidade que tamén foi sede dos Campionatos do Mundo de Loita Grappling Sub-17, Sub-20 e Absoluto (2022) e do Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas Sub-23 (2022).

O certame foi presentado no Pazo de Raxoi nunha rolda de prensa que contou coa presenza do alcalde en funcións, Xosé Sanchez Bugallo; a concelleira de Deportes en funcións, Esther Pedrosa; José Ramon Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte; Francisco Javier Iglesias Serna, presidente da Federación Española de Loitas Olímpicas; e Pablo Pintos Figueroa, director do torneo.

Nesta cita os datos melloran os da pasada edición, que tivo lugar no 2022 en Roma (Italia), desprazándose até a capital da Galiza un total de 800 competidores e competidoras de 34 países diferentes para retarse nas tres modalidades incluídas na programación: loita grecorromana (do 26 ao 28 de xuño), loita libre feminina (do 28 ao 30 de xuño) e loita libre olímpica (do 29 de xuño ao 2 de xullo).

Con respecto á representación galega, esta correrá a cargo de Alessandro Lema (Club Cidade de Vigo) en 57 quilos e Moisés Bello (Club San Ignacio de Vigo) en 79 quilos. Ambos os loitadores adestran ás ordes de Rubén Méndez e Marcos Miragaya, que tamén estarán presentes no Europeo en calidade de técnicos do combinado estatal. Ademais, Marcos Araujo Pereira, colexiado de Federación Galega pertencente ao Club San Ignacio de Vigo, foi incluído na selección arbitral.

Durante o acto de presentación a concelleira de Deportes en funcións, Esther Pedrosa, salientou que o evento "garantirá a presenza durante unha semana de preto de 1.500 persoas entre competidores, técnicos, árbitros e acompañantes".

Pola súa parte, Pablo Pintos, director do proxecto, cualificou esta cita como "histórica" para Santiago de Compostela, resaltando despois que está espertando "un interese moi notábel entre os e as representantes dos países estranxeiros".

Comentarios