Comezan os play-off de ascenso para o Obradoiro
O Obradoiro afronta o inicio dos play-off de ascenso á Liga ACB. Tras gañar na última xornada, o equipo obtivo o factor cancha a favor nesta primeira eliminatoria, o que lle permitirá xogar hoxe e pasadomañá en Santiago de Compostela, arroupado pola súa afección.
Diante estará o Súper Agropal Palencia que, malia gañar o seu último partido, foi relegado á sexta praza da clasificación pola vitoria do equipo da capital galega. Ambos os dous conxuntos enfrontáronse dúas veces durante a liga regular, cunha vitoria para cada equipo.
Tensión positiva
Félix Alonso confirmou en rolda de prensa na xornada desta quinta feira que ten dispoñíbeis a todos os seus xogadores para este partido. Ao ser preguntado por como marcha a semana de adestramentos, recoñeceu que "quizais no adestramento de onte [antonte] xa se notaba unha certa tensión positiva, sabendo que se achega o día do primeiro partido do play-off e que hai moito en xogo". Porén, tamén asegurou notou que "a xente está moi concentrada, moi metida e consciente do que nos xogamos”.
"Traballamos nos últimos meses para medrar como equipo, para gañar partidos e para acadar os suficientes triunfos que nos puxeran na posición na que estamos", insistiu. Botando a vista atrás, sinalou que "a mediados de febreiro, Palencia sacábanos tres vitorias; se nese momento nos chegasen a dicir que iamos ter o factor cancha a favor, asinaríamolo sen dubidalo". Por iso puxo énfase en que "traballamos para iso e conseguimos acadalo. Agora chega a parte máis importante".
Preguntado polos partidos que ten diante, Alonso insistiu en que non quere "mirar máis aló do partido de mañá porque creo que sería un erro". Por iso teimou en que teñen que volver amosar "a solidez que demostramos durante boa parte da tempada e xogar o mellor posíbel os 40 minutos”.
Sobre o rival
En relación ao seu rival neste play-off, o Súper Agropal Palencia, o técnico afirmou que "Seriamos moi curtos de memoria se non lembrásemos o nivel ao que nos levou Palencia cando xogamos aquí hai pouco máis dun mes", sobre todo "o nivel físico e de contacto vai estar por riba dos aspectos tácticos".
