O Círculo das Artes defenderá o título estatal de billar 5 quillas

A entidade luguesa acollerá o campionato desta modalidade de billar.
Jacobo Daviña, onte no Círculo das Artes de Lugo. (Foto: Nós Diario)
Jacobo Daviña, onte no Círculo das Artes de Lugo. (Foto: Nós Diario)

O Círculo das Artes de Lugo acollerá os días 11, 12 e 13 de abril a III edición do Campionato estatal por equipos na modalidade de 5 quillas. O equipo desta entidade, formado por Jacobo Daviña, Víctor Rodríguez, Pau Bonet, José Luis Piñeiro e Victor Zuccherino defenderá o título gañado o ano pasado en Valladolid (Castela e León) ante tres equipos de Madrid (Xetafe, Alcobendas e Escola Nacional), Andalucía (Baeza), Catalunya (Molins de Rei), Castela e León (Soria) e O Bierzo (Ponferrada). 

O Círculo é o único con esta variedade na Galiza e non o terá fácil ante clubs como o da Escola Nacional, cuarto no Campionato europeo. Outro dos rivais complicados será o de Baeza, que conta con xogadores procedentes de Uruguai.

5 quillas na Galiza

O lugués Jacobo Daviña leva case catro décadas xogando ao billar, primeiro ao de tres bandas e despois ao americano. Explica a Nós Diario que descubriu esta modalidade sete anos atrás. "Xa se coñecía no Estado español mais volveu a xogarse na última década", comenta. O seu primeiro contacto coas 5 quillas foi en Madrid "nunha reunión de árbitros internacionais de billar". Desde ese momento non deixou de practicalo e con fortuna.

"Hai un esforzo económico, a maioría dos tornos realízanse fóra polo que as viaxes son o gasto maior", asegura. O seu maior logro foi hai tres anos cando participou no Campionato europeo en Austria

A nivel mundial, os países que dominan o 5 quillas son  Arxentina e Uruguai. O xogo,  moi estratéxico, practícase en mesas de billar francés con tres bolas e cinco pequenos paus. "Hai que tirar sobre a bóla contraria e que a mesma, ou a outra vermella, tire eses paus", relata Daviña. Segundo tire e toque todos estes elementos ou algúns deles a puntuación varía en cada tirada. 

Comentarios