A elite ciclista ten unha cita esta quinta feira coa volta galega 'O Gran Camiño'

A cidade da Coruña será protagonista hoxe do inicio da terceira edición da proba ciclista O Gran Camiño. A iniciativa deportiva continúa coa súa aposta por difundir este deporte xunto aos diferentes camiños xacobeos e percorrerá varias comarcas do país para rematar no Monte Aloia, no Baixo Miño. 
O Monte Aloia tamén será protagonista esta edición (Foto: O Gran Camiño).
photo_camera O Monte Aloia tamén será protagonista esta edición (Foto: O Gran Camiño).

A aposta do ex ciclista profesional Ezequiel Mosquera por traer de novo até a Galiza unha carreira de máximo nivel está consolidada. O Gran Camiño, unha iniciativa que naceu durante a pandemia e que procura  pór en valor por igual deporte e turismo, chega á súa terceira edición co mesmo esquema de reivindicar as diferentes rutas xacobeas con percorridos de alta competición ciclista. Desta vez serán 501,2 km nos que a organización agarda repetir momentos espectaculares como os vividos en2022 co pulso entre Michael Woods e Alejandro Valverde, con vitoria deste último, ou a exhibición en 2023 do danés Jonas Vingegaard. 

Mosquera, en declaracións a Nós Diario, aseguraba que non foi fácil “atopar datas e buscar un oco entre outras probas”. A idea funciona ao partir de que “o ciclismo xera grandes audiencias” polo que “vai máis alá do deporte en si”. Esa comunión entre competición e promoción facilitou a búsqueda de entidades patrocinadoras. Este ano repite esquema e todas as etapas terán “unha historia que contar”. Na primeira, por exemplo, todo o protagonismo é para a Torre de Hércules, na Coruña. As seguintes terán como eixe principal os camiños de Inverno, Vía da Prata e Portugués.

As catro etapas

A carreira galega para este 2024 repetirá tamén o número de etapas que tivo a pasada, catro, agardando que a situación meteorolóxica respecte a competición e non obrigue a suspender algunha como aconteceu en 2023. A primeira decorrerá esta quinta feira de maneira íntegra pola cidade da Coruña. Será unha contrarreloxo individual de 14, 9 km con saída e chegada na Torre de Hércules, coincidindo co seu decimo quinto aniversario como Patrimonio da Humanidade. A proba comezará ás 14.40 horas e atravesará o Paseo marítimo, os barrios de Cidade Escolar, Labañou, Os Rosales e O Portiño, desde onde os participantes regresarán polo paseo marítimo até a mesma Torre. 

Xa esta sexta feira, a competición ciclista trasladarase até o municipio de Taboada (comarca de Chantada) para seguir por Monterroso e Palas de Rei (A Ulloa), Guntín e Portomarín (comarca de Lugo) e voltar para Taboada pasando polos Altos de Paradela, e Sonán (ambos os dous de terceira categoría). O treito final será en Chantada, pasando antes en dúas ocasións polo Alto de San Pedro de Líncoba (de segunda categoría). 

A terceira xornada, este sábado, será a máis extensa por ter un percorrido de 173 km e 2.340 metros de desnivel a través de 19 municipios das comarcas da Limia, Verín, Allariz-Maceda, Ourense e O Ribeiro. A carreira transcorrerá pola Vía da Prata e subirá catro portos (Altos da Estivada, Alberguería, Castro de Beiro e Couso) para acabar no Castelo de Ribadavia. 

A cuarta e última etapa será a raíña da proba. Decorrerá o domingo e sairá de Ponteareas (O Condado), un municipio clásico ligado ao ciclismo por ser o berce de figuras como Álvaro Pino ou os irmáns Delio e Emilio Rodríguez Barros. Serán 162 km e 3.421 metros de desnivel que pasarádentro da mesma comarca, por Mondariz. Despois seguira cara a comarca de Pontevedra pasando por Pontecaldelas e Pontevedra. A ruta seguirá pola comarca de Vigo, pasando por Redondela e O Porriño, para rematar en Tui (Baixo Miño), con final no Parque Natural do Monte Aloia. A montaña será, nesta xornada, decisiva. A espectacularidade será segura ao contar durante o percorrido cos Altos de Cruceiro do Monte (de terceira categoría), San Cosme (segunda categoría) e os dous pasos polo Monte Aloia (primeira categoría). 

Corredores favoritos

Neste edición, todos os ollos estarán postos en Jonas Vingegaard. O danés gañou a edición anterior con contundencia, levándose tres das catro etapas que tiña (unha suspendeuse polo temporal). Ademais, ese mesmo ano revalidou o maillot amarelo do Tour de Francia. Esta quinta feira partirá co dorsal 1 e terá como adversarios directos ao vixente campión olímpico, Richard Carapaz, o ecuatoriano que conta cun interesante equipo, o Education First.

Tamén presentarán batalla Carlos Rodríguez e Egan Bernal, do Ineos, o colombiano Iván Ramiro e o galego Carlos Canal (Movistar). Por último, están entre os posíbeis candidatos a podio o corredor Raúl García (Arkea) e algunha sorpresa que parta de equipos como o Euskaltel-Euskadi, o Caixa Rural, Kern Pharma e o Burgos BH. 

Gala do Ciclismo Galego

Coincidindo co penúltimo día da proba, o sábado 24 de febreiro, terá lugar en Ribadumia (O Salnés) a Gala do Ciclismo Galego 2024. O lugar escollido para a ocasión é o auditorio municipal dese municipio e o acto comezará a partir das 20 horas, a entrega dun total de 79 galardóns en recoñecemento do resultados dos últimos doce meses nas diferentes modalidades e categorías deste deporte.

Ademais, desde a propia Federación Ciclismo Galego (FCG), indican que haberá outras “mencións especiais” para diferentes deportistas da Galiza “en recoñecemento polas súas traxectorias excepcionais”.

Comentarios