'O Gran Camiño' chegará á Ribeira Sacra en 2024

O Miño terá un "importante papel" na Volta Ciclista á Galiza.
Mosquera, Castro, Diéguez, Portela e Conde, na presentación. (Foto: O Gran Camiño).
photo_camera Mosquera, Castro, Diéguez, Portela e Conde, na presentación. (Foto: O Gran Camiño).

A Volta  Ciclista profesional á Galiza, coñecida desde o seu relanzamento hai dous anos como O Gran Camiño, unirá na segunda etapa da súa edición de 2024 Taboada e Chantada pola Ribeira Sacra, nun percorrido no que xogará "un importante papel" o río Miño.

Así o especificaron nun acto de presentación que tivo lugar esta terza feira o director da proba e xerente de EME Sports, Ezequiel Mosquera, e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, quen, de novo, certificou o "apoio" da institución provincial á maior proba ciclista en estrada do país.

 O escenario elixido para desenvolver a antedita presentación foi o Miradoiro de Taboada, con vistas á ponte de Mourulle, sobre o encoro de Belesar, unha área que cobrará especial relevancia no Gran Camiño.

 Alí confirmouse que o próximo 23 de febreiro será a data escollida para que algúns dos mellores corredores do ámbito profesional internacional roden polas estradas do Camiño de Inverno, mostrando a todo o planeta a beleza das paisaxes interiores galegas.

Durante a súa intervención, Ezequiel Mosquera reivindicou o potencial desa Galiza interior e, en particular, da Ribeira Sacra, como "un dos grandes activos turísticos" do país. 

"O Gran Camiño -lembrou- xa tocou en anteriores edicións este espazo, aínda que vinculado ao río Sil, e este ano queremos tocar a Ribeira Sacra do Miño nunha etapa que será espectacular e que dará moito que falar".

Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación de Lugo sinalou que a segunda tirada da Volta Ciclista á Galiza percorrerá "o corazón da Ribeira Sacra lucense", transitando por estradas "que parecen deseñadas para o ciclismo, combinando dureza, paisaxes e baixadas bonitas". Por iso, augurou que será "unha etapa que gozaran moito os e as afeccionadas".

Sobre O Gran Camiño, Efrén Castro ratificou, un ano máis, o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a unha proba que "está a crear tendencias e innovando", e que atrae "a algúns dos mellores equipos profesionais do mundo".

Neste sentido, Mosquera tomou de novo a palabra para resaltar que un dos "grandes activos" deste evento é o seu papel como "ferramenta de promoción do territorio", o mesmo que a súa "capacidade de visibilizar espazos a nivel internacional". 

Comentarios