ciclismo

O colombiano Nairo Quintana non correrá 'O Gran Camiño'

A Covid-19 impediralle estar na saída o día 22.
O veterano ciclista de 34 anos gañou o Giro '14 e a Vuelta '16. (Foto: Europa Press).
photo_camera O veterano ciclista de 34 anos gañou o Giro '14 e a Vuelta '16. (Foto: Europa Press).

O Gran Camiño, a antiga Volta Ciclista á Galiza profesional, perde un dos seus nomes máis atractivos para o gran público, pois o colombiano Nairo Quintana non estará na liña de saída. O gañador do Giro de Italia en 2014 e da Vuelta a España no ano 2016 non poderá acompañar os seus compañeiros do Movistar a causa da Covid-19.

A proba galega suporía o regreso á competición no continente europeo de Quintana despois dun ano de inactividade, mais logo de participar no Tour de Colombia comezou a sentirse mal e, após realizar un test, comprobou que este indicaba que tiña a doenza.

"Rematei o Tour moi enfermo, logo de non estar ben xa durante varios días, porque collera a gripe. Logo, na casa, fixen a proba da Covid e saíu positiva; agarroume forte, estiven con moitos síntomas", revelou o corredor cafeteiro a través das súas canles nas redes sociais. Por todo iso "atrásase o regreso a Europa" dun home que ía ser o líder do Movistar nunha carreira galega que comezará o 22 de febreiro.

Presentación do Cortizo

O Equipo Cortizo realizou a presentación oficial da súa tempada 2024 nun hotel de Padrón (Sar), onde a escuadra verdiazul reuniu máis de 300 persoas desexosas de coñecer de primeira man o seu proxecto.

Entre elas destacaban figuras e lendas do deporte das dúas rodas, como o gañador do Tour de Francia Óscar Pereiro, Ezequiel Mosquera, Samuel Blanco, Delio Fernández, José Manuel Oliveira, José Ángel Vidal, Evaristo Portela, Guillermo García Janeiro ou David Blanco.

O evento arrincou co recordatorio dun dos momentos máis emocionantes da pasada campaña, a Volta á Galiza, na que Martín Rei tornou no vencedor máis novo da historia da competición tras un emocionante final na última etapa de Pontevedra. Xunto a el, subiron ao escenario máis de 30 corredores e corredoras das categorías promesa, principiante, alevín, infantil, cadete e júnior, con idades comprendidas entre os 5 e os 18 anos.

"Todos e todas tratarán de facer un gran ano para que se lles abran as portas do profesionalismo", afirman desde o Cortizo, repetindo así a historia vivida por Sergio Chumil, Sinuhé Fernández e David Delgado, quen enviaron de forma virtual os seus "mellores desexos" aos seus xa ex compañeiros.

Comentarios