O Celta tómalle a medida ao Barça

Unha inmensa primeira metade asenta a vitoria celtista sobre os culés (4-3), a terceira que infrinxiu ao Barça de Luis Enrique.

Celta Barça Iago Aspas
photo_camera Imaxe: La Liga

O Celta bateu o Barça nun partido espectacular, intenso, emocionante e que elevou o ritmo cardíaco en Balaídos a niveis que facía tempo que non se vivían. Os celestes derrotaron os culés grazas a unha primeira metade intensa e maxistral e na que reinou sobre o campo Iago Aspas, o rapaz de Moaña que nunha tarde de xuño de 2009 saíu do banquiño para se merendar o Alavés e evitar o descenso do Celta a Segunda B. Moito ten percorrido o Celta desde aquel tempo de ter o pé no abismo até este domingo no que lle endosou 4 o que posibelmente sexa a mellor equipa do mundo.

O Barça saíu e, como manda liñaxe e trono, tomou a iniciativa. Mais o Celta tiña as tarefas feitas e sabía ao que se enfrontaba e como facelo. Berizzo tiña claro que a batalla decisiva ía ser no medio campo e aproveitou que Luis Enrique optou por non aliñar de saída a Iniesta. Mais o protagonista foi Iago Aspas, xigante, asistindo a Sisto no primeiro gol e marcando el o seguinte. Media hora de encontro e os celestes gañaban dous a cero, unha vantaxe que se ampliaría a 3 ao final do primeiro tempo.

Con Iniesta no campo a segunda metade cambiou. O Barça variou dun 4-4-2 co que comezara o partido a un 4-3-3 e dispúxose a combater. O Celta armouse de coraxe e decidiu non deixar escapar o encontro. Piqué e Neymar (de penalti) achegaban os culés no marcador. O partido poñíase intenso, de infarto. Un erro de Ter Stegen permitiu ao 'Tucu' marcar o cuarto gol para o Celta e transformar Balaídos nun volcán. As pulsacións baixaron unha miguiña, mais axiña volveron subir co gol de, de novo, Piqué, a falta de catro minutos para o final. As meigas non botaron ningún malfado ou mal de ollo, estaban animando o Celta, e o partido acabou así, cun 4-3. Unha nova vitoria, máis unha, do Celta sobre o Barça de Luis Enrique.

Ficha

Celta (4): Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Roncaglia, Radoja, Wass (Jonny, 83’), Pablo Hernández, Bongonda (Marcelo Díaz, 62’), Sisto, Iago Aspas.

Barça (3): Ter Stegen, Piqué, Busquets (Denis Suárez, 75’), Arda Turan, Luis Suárez, Neymar, Rafinha (Iniesta, 45’), Jordi Alba (Alcácer, 81’), Sergi Roberto, André Gomes, Mathieu.

Goles: Sisto, 22’ (1-0); Iago Aspas, 31’ (2-0); Mathieu, propia puerta, 33’ (3-0); Piqué, 57’ (3-1); Neymar, de penalti, 64’ (3-2); Pablo Hernández, 76’ (4-2); Piqué, 86’ (4-3).

Árbitro: Vicandi Garrido, do comité vasco. Amonestou Busquets (Barça); Hugo Mallo (Celta).

Campo: Balaídos (20.901 espectadores).

Comentarios