Ao Celta que se enfrontou ao Xetafe no Adolfo Pérez habería que cantarlle aquel retrouso da copla popular galega de “é que non podes / é que non sabes / é que perdiches as habilidades”. Foi un equipo cativo, incapaz, que até por momentos poderiamos preguntarnos se estivo sobre o céspede. Os celestes asinaron probabelmente o seu peor partido da tempada. En ningún momento souberon facer fronte á formulación dos madrileños.
O Xetafe armouse a partir dunha defensa firme, seria, que impediu que o Celta culminase as xogadas. Batía contra ela. Non estiveron os vigueses á altura do desgaste psicolóxico que propoñía este partido. Os do Xetafe armaron un muro e o Celta por momentos semellaba que ía afogar coa pelota, sen saber moi ben que facer.
Un erro de Iago Aspas no centro do campo permitiu Amath atopar a carreira de Ángel, que non perdoou. Marchouse para o vestiario cun gol en contra e, ao pouco de saltar, recibiu outro, produto doutra perda de balón no centro de campo, desta volta de Lobotka.
O partido xa se facía case imposíbel para o Celta. A equipa galega ía pelexar pola sétima praza e agora está de undécimo na táboa. Toca recuperar rápido pois esa sétima praza (que agora ten o Eibar) está a aènas 3 puntos.
Ficha técnica
Xetafe (3): Guaita. Damián Suárez, Bruno, Djené, Cabrera, Portillo, Fajr, Arambarri, Portillo, Jorge Molina (Remy, min.70) e Ángel (Mora, min.90).
Celta (0): Rubén Blanco, Hugo Mallo, Roncaglia (Boyé, min.73), Sergi Gómez, Jonny, Wass, Lobotka, Tucu Hernández (Radoja, min.61), Pione Sisto (Emre Mor, min.61), Iago Aspas e Maxi Gómez.
Goles: 1-0, min.36: Ángel; 2-0, min.50: Jorge Molina; 3-0, min.85: Ángel.
Árbitro: González Fuertes, do comité asturiano. Amoestou Damián, Cabrera, Portillo, Fajr, Roncaglia, Boyé, Emre Mor.