O CB Val de Lemos, un club para aprender a xogar ao baloncesto e traballar en equipo

O deporte gaña cada ano máis afección e xogadoras en Monforte.
O CB Val de Lemos conta con equipos en todas as categorías, desde 'baby' até sénior. (Foto: CB Val de Lemos)
photo_camera O CB Val de Lemos conta con equipos en todas as categorías, desde 'baby' até sénior. (Foto: CB Val de Lemos)

Cando James Naismith, por volta de 1891 en Massachusetts, ideou unha actividade deportiva complementaria a outras como o fútbol americano para ser xogada no inverno nun espazo interior e que consistía en introducir unha bola nun cesto situado a 3,05 metros de altura, probabelmente non sabía que ese deporte que acababa de inventar chegaría a onde chegou. Probabelmente tampouco imaxinaba que ese deporte, que decidiu chamar 'baloncesto', chegaría ben máis lonxe das fronteiras dos Estados Unidos de América até lugares que Naismith posibelmente tampouco coñecese.

O baloncesto chegou, abofé, tamén á Galiza onde este deporte gañou gran popularidade desde mediados do século XX e onde, desde entón e até a actualidade, se crearon equipos en moitas vilas e cidades; unha delas, Monforte de Lemos. Na localidade do Cabe o baloncesto vén gañando cada vez máis popularidade nos últimos tempos, así o demostra o Club Baloncesto Val de Lemos, un equipo que vén gañando cada vez máis aficción e ao que se achegan cada ano novos mozos e mozas que queren gozar deste fermoso deporte.

21 anos de baloncesto

En declaracións a Nós Diario, a presidenta do CB Val de Lemos, Marga Rodríguez, comenta sobre o nacemento, historia e obxectivos do club que "o Val de Lemos naceu hai 21 anos e o seu obxectivo foi sempre achegar o baloncesto a todas as nenas e nenos do Val e a súa contorna". 

Gañar ou perder non é para Rodríguez o máis importante xa que "o que verdadeiramente importa non é o marcador senón formar esas crianzas que, ademais de aprender a xogar ao baloncesto, deben aprender a traballar en equipo, solucionar problemas e saber o que é ter un compromiso". 

O bo traballo realizado polas diversas directivas do club deron o seu resultado xa que "na actualidade contamos co maior número de licenzas da historia e con equipos inscritos en todas as categorías, desde baby até sénior", indica a presidenta da entidade. "A demanda de baloncesto en Monforte cada tempada que pasa é maior e iso fai que esteamos moi contentos porque, ao final, iso é un reflexo do traballo ben feito por todas as persoas que integramos o club, xogadores, adestradores e directiva", acrecenta.

"Un rexurdir deste deporte"

A tempada pasada foi especialmente memorábel para un Val de Lemos que viu as bancadas cheas en moitos dos seus partidos, sobre todo do equipo infantil, que foi campión da súa categoría, algo que Rodríguez cualifica de "éxito rotundo".

Acerca do futuro do club, a presidenta indica que "temos moitas ilusións postas neste proxecto, o máis importante é crear unha canteira sólida nos equipos das categorías máis pequenas, traballar cos máis miúdos debe ser sempre unha prioridade para nós". Con todo, na categoría sénior, o Val de Lemos pode presumir de ser casa dalgúns xogadores que deron o salto a categorías superiores como Omar Cortiñas, que fichou polo Club Ourense Baloncesto e xogou en Leb-Ouro, ou Alain Vázquez que deu o salto á liga EBA ao fichar polo CB Chantada.

Carmen Suárez, de Monforte á máxima categoría

Carmen Suárez é unha das xogadoras máis destacadas con que contou o Val de Lemos na súa historia. A pesar da súa curta idade (naceu en 2005), Suárez xa debutou na máxima categoría do baloncesto feminino estatal co Durán Maquinaria Ensino Lugo. Segundo a presidenta do Val de Lemos "Carmen destaca pola súa lideranza e constancia, algo que reflexa moi ben os valores do noso club, no cal se formou".

Comentarios