A carreira Vigo+11 regresará o 10 de decembro con "moitas novidades"

O certame atlético olívico alcanza as 15 edicións.
A organización confirmou que a proba contará cun novo percorrido neste ano 2023. (Foto: Concello de Vigo).
photo_camera A organización confirmou que a proba contará cun novo percorrido neste ano 2023. (Foto: Concello de Vigo).

Logo da disputa das probas en ruta desenvoltas recentemente en Santiago de Compostela, Negreira e Ourense, o  vindeiro día 10 de decembro chega outra das imprescindíbeis do calendario en ruta nacional, a Carreira Popular Vigo+11.

Será, en concreto, a partir das 10.30 horas cando as rúas da cidade olívica vexan saír desde a Praza da Tellada un importante número de atletas masculinos e femininos na procura de completar as distancias dos cinco e os 10 quilómetros, en función das opcións escollidas. 

Con esta carreira, a Vigo+11 alcanza a súa décimo quinta edición con importantes cambios, pero "conservando os mesmos obxectivos", segundo destacan desde a organización, que non son outros que os de facer "unha boa e atractiva proba para todas e todos cantos se achegen independentemente da súa condición e capacidade".

Logo de tres lustros, en 2023 o evento contará con algúns cambios tanto na súa situación, como no percorrido e o apartado de colaboracións, pretendéndose con todo iso lograr "unha adaptación ás novas circunstancias e a un público cada vez máis esixente e especializado".

En concreto, en canto ao seu circuíto, e tendo en conta as características da cidade, contará con algunhas subidas, pero estas virán acompañadas de baixadas, polo que se agarda "poida servir para facilitar a consecución de bos rexistros".

Ademais do anterior, haberá un "especial coidado" nas probas de menores, que contarán con adaptacións específicas atendendo ás súas idades e que irán desde os 1.500 metros para os e as Sub-14 e Sub-16 até os 100 metros para as competidoras e competidores menores de cinco anos.

Pero non todo será actividade física en Vigo o vindeiro día 10 de decembro. Todos e todas aquelas participantes que rematen a carreira poderán gozar dunha sesión de spa que un dos patrocinadores do evento oferta nesta edición. Do mesmo modo, existirán actividades paralelas que animen e dinamicen a carreira "para que tanto deporte como lecer e socialización, sexan os eixos centrais desta cita dominical"

Con respecto ao prazo de inscrición da Vigo+11 -que tamén fecha o circuíto de competicións populares locais coñecido como Run Run-, este permanecerá aberto até o próximo día 6 de decembro.

Máis atletismo en Boiro e Porto do Son

Decembro será un mes moi completo a nivel de eventos atléticos, pois tamén haberá probas de relevancia nas localidade de Boiro e Porto do Son.

A primeira recibirá a XVI Carreira Popular Mar de Boiro-Memorial Pepe Buceta. Integrada no Circuíto Deputación da Coruña, nesta ocasión contará con tres modalidades distintas: mini e súper mini -na que participarán crianzas de até sete anos de idade que percorrerán 200 metros-, escolares -cunha distancia que aumenta até os dous quilómetros e medio- e absoluta, na que os e as competidoras completarán 10.000 metros desde as 11 horas do próximo domingo 3 de decembro.

Con respecto á Sin-Son 10 Quilómetros de Porto do Son, que contará cun padriño moi especial, o recentemente retirado triatleta Pablo Dapena -campión do mundo de longa distancia-, esta volverá o seguinte domingo, 17 de decembro, e agarda reunir aproximadamente 2.000 atletas que escoitarán o disparo de saída ás 11 horas da mañá.

Comentarios