O Obradoiro incorpora Westerman, pero despídese de Braydon Hobbs

Cambios na dirección de xogo do conxunto capitalino.
Westermann acumula experiencia en clubs do nivel do Fútbol Club Barcelona (Foto: Liga ACB).
photo_camera Westermann acumula experiencia en clubs do nivel do Fútbol Club Barcelona. (Foto: Liga ACB)

O Monbus Obradoiro, un dos dous representantes da Galiza na Liga ACB -a máxima categoría do baloncesto estatal- xunto co Breogán de Lugo, vén de anunciar dous movementos no seu cadro de xogadores.

Así, o primeiro foi o adeus de Braydon Hobbs. O veterano base estadounidense de 33 anos deixa a capital galega logo de facer 7,2 puntos e 4,4 asistencias en 21,9 minutos de media durante os 32 encontros que disputou a pasada campaña.

O club non tardou en anunciar o seu substituto, que será Leo Westermann, un base internacional francés que chega ao Obradoiro procedente do Mónaco. No principal equipo do Principado anotou 4,9 puntos e repartiu 3,4 asistencias durante os 17,4 minutos de media nos que saltou á pista. A maiores de 34 partidos na liga gala, Westermann tamén participou en 22 de Euroliga, materializando 4,8 puntos e dando 2,5 asistencias de media.

Definido polo director xeral do Obradoiro, José Luís Mateo, como "un base con gran experiencia ao máis alto nivel europeo", o francés vestiu as camisetas de equipos da calidade de Partizan, Barcelona, Žalgiris, CSKA de Moscova ou Fenerbahçe.

Goran Filipović chega ao Básquet Coruña

O Obradoiro non é o único equipo que reforza a súa dirección de xogo, pois o Leyma Coruña de LEB Ouro incorpora Goran Filipović. Croata de 1,83 centímetros de altura, o seu último club foi o KK Cedevita Júnior e actualmente está incluído na pre selección para participar no inminente Eurobasket co seu país.

Considerado como un xogador de gran progresión, cun interesante % de acerto no tiro de tres puntos (42,1), o Básquet Coruña agarda que contribúa "controlando os partidos e xerando vantaxes" no xogo laranxa.

Comentarios