O Pescados Rubén Burela, campión de Liga por segundo ano consecutivo

Xornada de ouro para o fútbol sala galego, co título das guerreiras laranxas, a salvación dos seus homólogos masculinos e o ascenso á máxima categoría do Marín.
O Burela continúa imparábel. (Foto: RFEF).
photo_camera O Burela continúa imparábel. (Foto: RFEF).

O Pescados Rubén Burela segue facendo historia, logo de que as 'guerreiras laranxas' lograsen o mellor final posíbel para a tempada 2020/21 levantando a súa segunda Liga consecutiva, que ademais representa o noveno título dos nove últimos en xogo que acaba nas vitrinas da escuadra mariñá. 

A escuadra rival das galegas foi Futsi Atlético Navalcarnero, nun choque que está considerado como o gran clásico do fútbol sala feminino estatal e do que saíu vitorioso Burela por dous tantos a cinco, a pesar dun inicio moi equilibrado no que as madrileñas chegaron a estar 2-0 por diante no marcador, estando a chave da remontada nos tres minutos máximos entre o 25 e o 27 nos que os goles de Dany e Ale de Paz -por dúas veces- cambiaron o curso do partido.

Xa no 32, Ale de Paz volvía marcar para completar o seu hat-trick logo dunha rápida recuperación e asistencia de Jane, e inmediatamente despois a sorte poñíase do lado galego, pois o pau impedía un tanto do Futsi Atlético Navalcarnero que ben podía ter cambiado o rumbo dun partido que o bonus de faltas, a falta de sete minutos para o final, rematou por decantar a prol do Pescados Rubén Burela.

Os homes laranxas, un ano máis na elite

Non é un título, pero a alegría por conseguir unha permanencia, e máis nun play-out, non adoita ser menor. Deste modo, o Pescados Rubén Burela masculino asegurou a súa estadía un ano máis na Liga Nacional de Fútbol Sala, após esmagar 8-2 Durán Ejido no choque decisivo pola salvación.

E iso que o primeiro gol correu a cargo do conxunto visitante, mais os de Óscar García reaccionaron cunha avalancha de fútbol e goles que sacou moito partido da desesperada decisión do seu rival de apostar polo xogo de cinco.

O Marín xogará na Primeira RFEF 

O conto de fadas do fútbol sala galego completouno o Marín Futsal, que certificou o seu ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino estatal por primeira vez na súa historia, logo de imporse ao Joventut d'Elx por un marcador de 5-7.

A heroína deste ascenso foi Cecilia Puga 'Ceci', ex xogadora do Poio Pescamar, quen transformou cinco dos sete tantos da escuadra galega, todos eles co mérito engadido de anotalos nos tramos decisivos de partido, cando as locais conseguiran por dúas veces adiantarse no marcador no tramo inicial e central do partido.

Comentarios