A PREVIA | O Guardés visita Beti-Onak na procura do seu desquite da Copa
O Atlético Guardés afronta o derradeiro asalto da liga regular hoxe ante Beti-Onak (Polideportivo Municipal Irmáns Indurain, 19 horas). As de Ana Seabra poderán desquitarse do rival que as eliminou na Copa, unha boa maneira de rematar esta fase da liga Guerreiras. "Queremos traballar, e a ser posíbel, gañar", explicou onte a técnica portuguesa.
O equipo miñoto recupera Cecilia Cacheda polo que, aínda que non hai nada en xogo tras manter a primeira praza, é consciente de que este partido "é importante para continuar gañando sensacións, corrixindo cousas e traballando para integrar no equipo a xogadoras que estaban un pouco tocadas".
O outro conxunto galego da categoría, o BM O Porriño, terá o seu compromiso hoxe mesmo contra o Morvedre (Pavillón Municipal, 19 horas). As galegas veñen de empatar na xornada anterior ante o Xixón (21-21) e mantéñense entre os catro primeiros da clasificación.
O rival volver a ser, en principio, accesíbel para as pupilas de Ismael Martínez. Con todo, sen rebaixar a competición estatal, equipo e club teñen xa o pensamento na cita histórica do próximo día 10 de maio co encontro de ida da final da Copa Europea ante o Valur islandés, que se disputará na casa.
