O Breogán, en busca do seu reto máis difícil ante o Barça

Un triunfo fecharía a crise de resultados celeste.
A estatística indica que o Breo non gaña ao Barcelona desde 2005. (Foto: Liga ACB).
photo_camera A estatística indica que o Breo non gaña ao Barcelona desde 2005. (Foto: Liga ACB).

Regresa a Liga ACB, e de que maneira. O Leite Río Breogán, un dos dous representantes da Galiza na máxima categoría do baloncesto estatal, busca fechar unha crise de resultados que o levou até o penúltimo posto da táboa clasificatoria nin máis nin menos que contra un Fútbol Club Barcelona que neste inicio de campaña deu máis sinais de vulnerabilidade do que é habitual na escuadra catalá.

Nun Pazo Provincial que estreará asentos nas bancadas, o partido (programado ás 17 horas da mañá) suporá tamén o debut da gran esperanza celeste para reconducir o rumbo, o estadounidense Justin Anderson, que conta cunha dilatada experiencia na NBA americana.

O seu novo técnico, Veljko Mršić, mostrouse moi satisfeito coa adaptación dun home "moi extravertido", que "entrou moi ben no equipo" e a quen tratarán de "axudar" para que se integre "o máis rapidamente posíbel no baloncesto europeo" para sacar petróleo das súas "moitas capacidades".

Ademais, o croata confirmou que quen non estará fronte o Barça será Conner Frankamp, quen viaxou de urxencia até Wichita (Arkansas, EUA) e co permiso do club para despedir o seu irmán, que faleceu repentinamente con 31 anos de idade.

Os 'play-off', a tiro

No referente ao outro conxunto galego da ACB, Monbus Obradoiro de Santiago, a escuadra capitolina encara con menos presión a fin de semana, dada a súa situación clasificatoria, pois é undécima con tres triunfos, a tan só un dos postos que dan acceso ao play-off.

Porén, non chocará cun rival moito máis accesíbel que o Barcelona, xa que Unicaja de Málaga é cuarto con catro vitorias, tan só unha menos que as que suman os cataláns, que son terceiros.

Ante este reto, que se desenvolverá en terras andaluzas (Martín Carpena, hoxe, 18 horas), o preparador da formación compostelá, Moncho Fernández, afirmou que os seus homes están listos para lograr os seus primeiros puntos fóra da Galiza no que vai de Liga. 

"Eles son un conxunto moi potente, con individualidades de primeira, pero nós, a pesar de que temos a zona do perímetro baixo mínimos, sairemos a competir, porque os xogadores están dando o mellor de si", declarou o adestrador do Obradoiro desde o ano 2010. 

Comentarios