Bicicletas e viño maridan no Trofeo Montes das Eiras

O certame volverá desenvolverse nun viñedo.
A presentación do acto tivo lugar na xornada de onte. (Foto: Concello do Rosal).
photo_camera A presentación do acto tivo lugar esta quinta feira. (Foto: Concello do Rosal).

O Trofeo Montes das Eiras de Ciclocrós celebra esta fin de semana os seus 25 anos de vida por todo o alto, pois agárdase que máis de 260 persoas participen mañá, día 11 de novembro, nesta carreira organizada polo Club Ciclista O Rosal coa colaboración do Concello e que por segundo ano consecutivo se desenvolverá nun escenario de excepción como son os viñedos propiedade da adega Terras Gauda. 

Na última edición, nas categorías estrela (elite/Sub-23) o veterano Saúl López logrou imporse a Iván Feijóo na modalidade masculina, mentres que Sarela Conde subiu ao máis alto do podio da feminina tras cruzar a meta por diante de Chus Barros e da, por aquel entón, líder da Copa da Galiza de Ciclocrós, a xienense Eva Ortega. 

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quixo dar os seus parabéns ao club no acto de presentación do certame que se levou a cabo esta quinta feira "por ser quen de manter vivo o espírito da proba durante un cuarto de século, ofrecendo circuítos únicos e innovadores para as e os corredores e facendo que cada ano sexan máis as persoas que se animan a participar". 

Pola súa parte, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, salientou a singularidade do circuíto, que definiu como "un elemento distintivo do Trofeo que permite vincular unha proba deportiva tan importante cunha sinal de identidade do Rosal como é o viño". 

Na presentación do evento, ademais da rexedora e o edil participaron representantes da entidade organizadora, a Xunta da Galiza, a Federación Galega de Ciclismo (FCG) e da empresa que cede os terreos para o circuíto.

Este promete ser un actor máis, pois logo da revolucionaria novidade que supuxo a súa introdución o ano pasado, pois ningunha outra carreira ten un viñedo como escenario, consolídase no calendario neste 2023 

Con respecto á programación, a partir das 11.30 horas tomarán o percorrido corredoras e corredores de até 18 categorías diferentes, polo que sobre o terreo haberá ciclista desde os 12 anos até maiores de 60. 

A carreira transcorrerá por todo o viñedo, polo que o público poderá ver o circuíto completo desde distintas posicións, dada as características do terreo, até un final programado ás 18 horas coa cerimonia de entrega de premios.

Comentarios