ENTREVISTA

Diego Epifanio: "A carreira polo ascenso é como unha proba ciclista"

Diego Epifanio (Burgos, 1978) logrou  dous ascensos á ACB -o primeiro co San Pablo da súa cidade natal e o segundo co Leite Río Breogán-, e actualmente loita por sumar o terceiro á súa conta particular, conducindo até a elite por primeira vez na súa historia un Básquet Coruña que enganchou a cidade herculina ao deporte da canastra.
 
O burgalés quere repetir no Leyma a xesta que logrou co Breogán. (Foto: Básquet A Coruña).
photo_camera O burgalés quere repetir no Leyma a xesta que logrou co Breogán. (Foto: Básquet A Coruña).

—Vostede e máis eu falamos por última vez hai xusto tres anos, en abril de 2021. O mundo, o deporte, o propio baloncesto... todo cambiou moitísimo desde entón, pero hai unha cousa que continúa inmutábel: Diego Epifanio loitando por ascender un equipo galego, daquela o Breogán de Lugo, hoxe o Básquet Coruña.
Realmente aconteceron moitas cousas. Eu pasei por varios clubs, supoño que esa é un pouco a vida do adestrador, un día estar nun sitio e ao seguinte noutro, pero resulta rechamante efectivamente o tema da Galiza, de ter a sorte de estar nun gran proxecto como o do Breogán e agora de que o Básquet Coruña tamén pensase en min para dirixir a nave.

—A situación é idéntica até o punto de que tanto aquel Breo do '21 como este Leyma da actualidade comparten a súa condición de líderes da LEB Ouro, aínda que sobre a pista presentan características moi diferentes. Como evolucionou o seu baloncesto neste período?
Como adestrador sempre tiven unha idea moi clara: a chave do éxito é o traballo. Ademais, co paso do tempo cada vez teño máis experiencia, e aínda que conservo moitas cousas que fago igual, ao ver e estudar a outros compañeiros fun incorporando aos meus métodos cousas que creo que poden axudar a sacar o máximo rendemento dos xogadores.

—En Lugo prodúcese a curiosa circunstancia de que o baloncesto é o primeiro deporte da cidade, mentres que na Coruña cae até o terceiro posto, superado polo fútbol e o hóckey. Non obstante, nas bancadas e nas rúas herculinas a sensación é de que este ano, por fin, si toca subir á ACB. Comparte o seu optimismo?
É certo que en Lugo o baloncesto é como unha relixión e que toda a cidade segue o Breogán. No caso da Coruña a situación distinta porque o Dépor é un histórico do fútbol e o Liceo o mesmo no hóckey. Son dous deportes con moita tradición, e o baloncesto, a pesar de que quizais até agora non se conseguiu que se vise como un único proxecto polo que apostar, ten tamén moito peso, como demostran as moitas fichas de practicantes que hai na cidade e na comarca.

Con todo, agora cada vez máis xente achégase ao Pazo, atraída por un baloncesto atractivo e polo feito de que gaña partidos, leva uns anos xogando play-off... iso demóstrase na afluencia ao pavillón, que hai pouco fronte Estudiantes colgou o cartel de 'non hai boletos' a falta de catro días para o partido. Imos dando pasos pequenos pero sólidos como club, e iso leva a que a afección apoie cada vez máis o proxecto.

—Despois dun par de tropezos en marzo, que supuxeron un golpe de realidade sobre a dureza da categoría cando parecía que xa eran imbatíbeis, como encaran o último tramo de campionato, que os medirá con equipos tan duros e imprevisíbeis como Fundación Lucentum Alacante? 
Conseguir tantas vitorias consecutivas como logramos, o récord da tempada, é moi complicado, pero é certo que nalgún momento tes que perder, aínda que só sexa por pura probabilidade, polo bo traballo dos rivais ou por erros propios.

Agora o que toca é que sexamos quen de xestionar todo isto, porque non temos a obrigación, senón a ilusión e o desexo de estar onde estamos, así que hai que saber xestionalo, como cando nunha carreira ciclista logra escaparse un corredor. Ás veces chega primeiro á meta, pero outras o pelotón é quen de atrapalo e esnaquizalo. Precisamos traballar e aferrarnos á unidade do grupo para que non nos afecte negativamente esta situación. 

A xestión psicolóxica dun posto privilexiado

Cuestionado por se suporía un golpe, psicoloxicamente falando, o feito de que no último tramo da tempada o Básquet Coruña non fose quen de lograr o ascenso directo despois de ser líder durante boa parte do campionato, véndose así abocado a disputar a lotería dos play-off para estar o próximo ano na Liga ACB, Diego Epifanio responde que o importante é "vivir o momento" e "afrontar as situacións do presente".

"Ese medo a non querer perder está aí, pero debemos transformalo en ganas de facer o noso traballo, preparando os partidos o mellor posíbel, reforzando as nosas rutinas, os coidados dos xogadores, a preparación psicolóxica...", explica, engadindo que non deben "pensar dentro de tres xornadas, senón no seguinte partido", e que, neste sentido, resulta fundamental "o apoio da afección, que axuda moito cando non saen ben as cousas".

Máis en DEPORTES
Comentarios