Diego Epifanio, un home para un ascenso

O burgalés é o escollido polo Leyma para repetir a fazaña do Breogán.
O último equipo de Epifanio foi o histórico Estudiantes, con quen caeu na final da fase de ascenso ante o Girona de Marc Gasol. (Foto: HSPB).
photo_camera O último equipo de Epifanio foi o histórico Estudiantes, con quen caeu na final da fase de ascenso ante o Girona de Marc Gasol. (Foto: HSPB).

Volve á Galiza o home que logrou en 2021 o ascenso á máxima categoría do baloncesto estatal co Leite Río Breogán de Lugo un ano despois de que a directiva decidise non contar cos seus servizos en ACB. Nesta ocasión quen recorre a Diego Epifanio para lograr internarse na elite do básquet e o Leyma da Coruña.

Epi, como é coñecido no mundiño, comezou a súa carreira como preparador no seu Burgos natal, concretamente no CB Tizona, exercendo como adestrador de formación de xogadores.

Tras ascender a adestrador axudante de Andreu Casadevall no primeiro equipo desta entidade gaña a liga en dúas ocasións, pero en ningunha ascende a causa das restricións impostas pola ACB naqueles tempos.

Na tempada 2015-16 ficha polo San Pablo Burgos, que sae na LEB Ouro en substitución do Tizona, empezando como técnico axudante até que en decembro asume o cargo de primeiro adestador. Ano e medio despois logra o ascenso con tan só 38 anos de idade, comandando un exitoso bienio na elite do baloncesto.

No verán de 2019 asina polo Leite Río Breogán. En Lugo, tras un primeiro ano condicionado pola pandemia da Covid-19, logra o ascenso na súa segunda campaña á fronte da escuadra celeste tras imporse a Covirán Granada no play-off. Non obstante, e contra prognóstico, a directiva do conxunto da cidade da Muralla decidiu non contar cos seus servizos en ACB.

A súa última experiencia até esta sinatura polo Leyma Coruña, onde ocupará a vacante deixada por Sergio García -quen en tres exercicios non foi capaz de lograr o ascenso, a pesar de asinar as mellores clasificacións históricas do club-, foi no histórico Movistar Estudiantes, alcanzando unha final do play-off onde caeu derrotado ante o Girona de Marc Gasol.

Segundo anunciou a entidade herculina, Epi "xa está a empezar a traballar co resto do corpo técnico e coa directiva na planificación e configuración do persoal para a próxima tempada".

Viny Okouo di adeus ao Monbus Obradoido

Non só cambian os técnicos no baloncesto galego, tamén hai altas e baixas nos cadros de xogadores. A última foi o adeus do pivote Viny Okouo ao Obradoiro, onde disputou 30 partidos na 2021/22.

Lydia Giomi asina polo Ensino

Sen saír do baloncesto de máis alto nivel, pero situando o foco na súa modalidade feminina, o único representante da Galiza na Liga Endesa, Durán Maquinaria Ensino de Lugo, oficializou na xornada de onte a incorporación da pivote de 24 anos Lydia Giomi. 

Procedente de Spar Gran Canaria, destaca polo seu poderío na pintura grazas aos seus 1,98 metros de altura, característica que sen dúbida herdou do seu pai, o lendario Michael Ray Giomi, xogador estadounidense que desenvolveu en Europa a meirande parte da súa traxectoria, entre outros equipos no Breogán en dúas etapas diferentes durante a primeira metade dos anos 90, contribuíndo con 20 puntos á primeira vitoria da escuadra lucense ante o todopoderoso Real Madrid, no ano 1991.

Non moi lonxe de Lugo, en Vigo, o Celta Baloncesto tamén anunciou unha nova fichaxe de cara á campaña 2022/23. Trátase de Anna Senosiain, base navarra de 25 anos que regresa á que foi a súa casa durante catro anos para aumentar a súa conta de partidos como celeste, 114 até o de agora.

Comentarios